Nova: A Xunta inicia unha nova campaña arqueolóxica para poñer en valor o Castro do Teso da Ermida en Navia de Suarna

24/08/2025
A Xunta inicia unha nova campaña arqueolóxica para poñer en valor o Castro do Teso da Ermida en Navia de Suarna
As actuacións, xa en marcha, enmárcanse na folla de ruta impulsada polo Goberno galego para conservar o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade
O proxecto contempla, ademais da mellora do espazo de visita aos restos arqueolóxicos, labores de investigación e documentación
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investido neste ben preto de 120.000€ desde o ano 2020
Navia de Suarna (Lugo), 24 de agosto de 2025
A Xunta de Galicia acaba de iniciar unha nova campaña arqueolóxica no Castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna, para continuar coa investigación e posta en valor deste conxunto de grande interese histórico e cultural no que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investidos preto de 120.000€ desde o ano 2020. Trátase dunha intervención cuxo obxectivo é mellorar o espazo de visita aos restos, ampliando e completando a escavación e creando un itinerario de mellor acceso e interpretación para o público que visite o xacemento arqueolóxico.
Deste xeito, as labores consistirán na investigación e documentación, mediante levantamento topográfico xeorreferenciado con fotogrametría 3D, na escavación con metodoloxía arqueolóxica dunha área duns 60 m², no estudo pormenorizado dos materiais mobles recuperados ou en traballos de conservación e acondicionamento básico. Ademais, inclúense accións de difusión entre as que se atopan unha visita guiada ao xacemento unha vez rematada a actuación e unha conferencia e un vídeo divulgativo sobre o castro.
Esta intervención está organizada ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano se pon marcha desde o Goberno galego para garantir a conservación do patrimonio máis sobranceiro da Comunidade. En total, destinaranse este ano 1,5 millóns de euros para 81 accións en xacementos por toda Galicia, que se realizarán en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos. Este plan inclúe tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións necesarias para a salvagarda do patrimonio.