Nova: A Xunta pon en valor a calidade das bandas de música e o seu labor como dinamizadoras da cultura de base

22/08/2025

A Xunta pon en valor a calidade das bandas de música e o seu labor como dinamizadoras da cultura de base

José López Campos fai fincapé na importancia de “apoiar organizacións que fortalecen o tecido cultural en distintos puntos do territorio e contribúen á divulgación da música galega”

Máis de 70 intérpretes levan desde o luns formándose no Gaiás nunha estadía que remata hoxe cun concerto ás 19,30 horas con entrada libre e de balde

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou esta mañá aos mozos e mozas da Banda Sinfónica Xuvenil Galega durante o seu ensaio para o concerto que darán hoxe, ás 19,30 horas no Gaiás, como colofón á residencia artística na que participaron durante esta semana.

Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura puxo en valor a importancia desta iniciativa que “contribúe a formar e promocionar intérpretes vinculados coas nosas bandas, favorece a divulgación da música galega e afianza a Cidade da Cultura como un espazo vivo, inclusivo e de referencia para o desenvolvemento musical”. Así mesmo, tamén sinalou a importancia de “apoiar organizacións que fortalecen o tecido cultural de base e contribúen á divulgación da nosa música”.

Na residencia artística impulsada pola Xunta de Galicia participaron 72 músicos que proveñen de toda a xeografía galega con idades que van desde os 12 ata os 20 anos. Como colofón, esta tarde ofrecerán un concerto cun programa dobre que arrincará ás 19,30 horas coa actuación da Banda Sinfónica Xuvenil Galega na praza do Gaiás. A partir das 20,30 horas, terá lugar no edificio CINC a actuación do ensemble de metais da Banda Sinfónica Galega e, por último, do ensemble Harmoniemusik, con prevalencia de instrumentos de madeira. A entrada é libre e de balde.

O titular de Cultura da Xunta fixo fincapé no papel que xoga esta residencia artística á hora de “achegar repertorio que dificilmente se toca na maioría de bandas populares, así como promover o traballo en distintos formatos, permitíndolle aos músicos asumir unha maior responsabilidade interpretativa e fomentando a educación musical desde idades temperás”.

Federación Galega de Bandas de Música Populares

O encontro, que conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares. Integrada por uns 6.700 músicos, dos cales máis do 70 % son menores de 30 anos, trátase da única federación de bandas de ámbito autonómico que existe en Galicia.

Comparte