Nova: A Xunta apoia seis autoras e autores galegos na internacionalización das súas creacións a través de residencias no exterior

21/08/2025

A Xunta apoia seis autoras e autores galegos na internacionalización das súas creacións a través de residencias no exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora con máis 10.400€ nesta iniciativa

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2025

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución das axudas a seis autoras e autores galegos para participar en residencias literarias fóra da nosa comunidade. A Xunta dirixe esta liña de axudas a profesionais da creación literaria co obxectivo de promover a internacionalización das letras galegas e impulsar as relacións con outros centros culturais referentes.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina a estas axudas un orzamento de máis de 10.400 € destinados a colaborar coas persoas creadoras para que poidan realizar a tradución das súas obras nunha estadía que favorece o proceso de investigación previo á creación do libro e que proporcione un espazo e ambiente de traballo que lles permite continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.

Os importes concedidos a cada persoa van desde os 784 € ata os 2.245,60 €, que se destinarán a gastos de viaxe, de transportes internos, de aloxamento e manutención, de subscrición dunha póliza de seguro de viaxe e outra médica. Neste senso, este ano os autores e autoras seleccionadas son Ramón Caride, Raquel Senra, Nerea Pallares, José Luís Baños, Mirian Couceiro e Ana Belén Gutiérrez, que estarán en residencias de Xixón, Noruega, Almería, México e Madrid.

Esta é a terceira convocatoria deste proxecto, co que se busca difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural visibilizando a riqueza e calidade dos profesionais da creación literaria. Cómpre recordar que o pasado ano contaron con estas axudas as autoras Blanca Trigo, Luisa Martínez, Nerea Pallares e María Obdulia Luís, que estiveron en residencias en Estocolmo, Cabo Verde, Lisboa e Francia.

Comparte