Nova: Os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ rematan este xoves con Futurachicapop e o DJ Kike Varela

19/08/2025

Os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ rematan este xoves con Futurachicapop e o DJ Kike Varela

Sintetizadores, pop e melodrama son as cartas de presentación coas que Futurachicapop animará o último solpor musical na Cidade da Cultura

O compostelán Kike Varela pechará o día cunha sesión especial con convidados como o dúo de trap Boyanka Kostova, o grupo Lontreira, na súa única actuación en directo deste ano, ou o gaiteiro Puga e a cantante Gloria Cespón

O concerto habilitará un punto de accesibilidade auditiva onde se contará con intérprete en lingua de signos e mochilas vibratorias

A iniciativa forma parte da campaña ‘Para gustos, cultura’ da Xunta de Galicia que abrangue máis de 3.400 actividades diversas por todo o territorio

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2025

Este venres 21 de agosto despídese a décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás cunha dobre actuación protagonizada por Futurachicapop e o DJ Kike Varela. O ciclo de concertos gratuítos ao aire libre promovido pola Xunta de Galicia programou un total de 11 concertos este verán na Cidade da Cultura, con propostas musicais diversas de 16 artistas e grupos chegados de Galicia, Portugal, Chile, Málaga, Madrid e Berlín.

A partir das 21,00 horas na Praza central do Gaiás, Futurachicapop despregará o seu electropop para marcar os ritmos de baile do último Atardecer no Gaiás. Sintetizadores, melodrama e humor caracterizan unha das voces máis orixinais do pop actual en español. Será un concerto para explorar as múltiples caras do amor e do desexo a través de himnos contaxiosos e confesionais como Yo lo quiero todo.

O compostelán Kike Varela collerá os mandos a continuación para poñer o ramo á noite coa súa particular mestura de electrónica e música tradicional galega. O DJ é ben coñecido nas pistas de baile do país, tamén en festivais, programas de televisión e incluso no estadio do Deportivo da Coruña.

A súa actuación no Gaiás contará con artistas convidados como o dúo de música trap Boyanka Kostova, ou Lontreira, na que será a única aparición en directo do grupo este ano. Ademais, acompañarano tamén sobre o escenario o gaiteiro Puga e a cantante Gloria Cespón, na súa interpretación en directo da Muiñeira de Chantada de Kike Varela, un dos dez temas en galego máis escoitados no Youtube en 2023.

Accesibilidade auditiva

Durante o concerto, a Cidade da Cultura habilitará un posto de accesibilidade auditiva onde se contará con intérprete de lingua de signos e tamén mochilas vibratorias equipadas con tecnoloxía para mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva.

Dotadas dun receptor FM que permite ás persoas sentir no seu corpo as vibracións da música, estes equipos facilitan que gocen dunha mellor experiencia durante o concerto ao tempo que melloran a calidade da escoita das persoas con audiófonos ou con implantes cocleares a través dun colar conectado á mochila que traslada á prótese auditiva o son limpo de ruído ambiente.

O emprego desta tecnoloxía supón un paso adiante na mellora da accesibilidade aos concertos de música do colectivo de persoas con discapacidade auditiva e enmárcase nas iniciativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Lei de cultura accesible e inclusiva de Galicia.

Once solpores para todos os gustos

Atardecer no Gaiás mantense como unha das citas imprescindibles para gozar da música en vivo ao aire libre no verán galego. Con once xornadas e dezaseis artistas programados entre xullo e agosto, o ciclo, que volveu contar co patrocinio de Cervezas Alhambra, distínguese por buscar a variedade e a calidade na súa oferta, dando espazo tanto a artistas consolidados como a grupos emerxentes.

O talento musical de Galicia ocupou un lugar destacado nesta décimo quinta edición. Con The Rapants —que conseguiu encher ata a bandeira a Praza central da Cidade da Cultura— Eris Mackenzie, Dirty Suc, Lua de Santana, La Toñi, Melodiam, Mocho Gris, o DJ Kike Varela e os gañadores e gañadoras do certame Xuventude Crea 2024 nas categorías de música (Sara Gimeno, Lontras e o trío Slimak) sumáronse once bandas e artistas do país ao cartel.

A variedade de estilos que se escoitaron en Atardecer no Gaiás conecta cos obxectivos da campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.

Comparte