Nova: Anxo M. Lorenzo salienta a achega da arte local á cultura do rural coa mostra ‘Ribeira Sacra Cultural’

14/08/2025
Anxo M. Lorenzo salienta a achega da arte local á cultura do rural coa mostra ‘Ribeira Sacra Cultural’
O director xeral de Cultura participa na apertura desta exposición con máis de 70 cadros, que se poderá visitar ata o 31 de xullo no Consorcio Local dos Peares
A iniciativa organízase ao abeiro da sétima edición do Fest Clásica Ribeira Sacra e está enmarcada na campaña de verán da Xunta de Galicia ‘Para gustos, cultura’
Os Peares (Ourense), 14 de agosto de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Consorcio Local dos Peares a exposición II Ribeira Sacra Cultural, que se organiza no marco da sétima edición do Fest Clásico Ribeira Sacra e que este ano rende homenaxe ao artista local José Vázquez Ribada, alcumado como Fifí. “Trátase dun xeito de achegar a cultura e a arte á contorna rural e de celebrar e recoñecer o enorme talento dun pintor local como José Ribada”, salientou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Anxo M. Lorenzo explicou que a mostra é unha mestura de música, paisaxe e emocións que conta con máis de 70 cadros que “representan o festival, a veciñanza e a contorna”. En concreto, precisou que a exposición configúrase a partir dunha narrativa complementada por compositores que foron ou serán interpretados no Fest Clásico, obras relacionadas ou que xiran arredor da Ribeira Sacra, e máis de 41 pinturas cedidas polos veciños para render homenaxe a Fifí, “un máis de aquí”, destacou.
Ao respecto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude encadrou este tipo de iniciativas dentro do compromiso do Goberno galego “coa acceso universal á cultura a cultura, apostando por levar ao rural iniciativas coma esta, ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”.
No acto tamén tivo lugar un recital de poesía da autora Mercedes Martínez Maroño e que serviu como preludio ao festival, que se celebrará na comarca, a partires do día 24 de agosto e ata o día 31 do mesmo mes, e que se enmarca na campaña de estío da Xunta de Galicia, Para gustos, cultura, que achega máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías distintas a todo o territorio galego.
A II Exposición Ribeira Sacra Cultural pasou xa no mes de xullo polo concello lucense de Pantón e poderá visitarse no Consorcio Local dos Peares desde hoxe e ata o vindeiro domingo 31 de agosto. Retratos de Mozart, Beethoven ou Bartock, pinturas de mosteiros, fervenzas ou hórreos da comarca e unha gran festa que pintou o homenaxeado José Vázquez Ribada poderán ser contemplados os días 14, 21, 22, 23 e 24 en horario de tarde, de 19,30 a 20,30 horas, e os días restantes de mañá en horario de 12,00 a 13,00 horas.