Nova: A Xunta enxalza a restauración da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra como exemplo do compromiso coa conservación dos bens culturais

14/08/2025
A Xunta enxalza a restauración da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra como exemplo do compromiso coa conservación dos bens culturais
Allegue destacou que “esta basílica, ben de interese cultural, forma parte da identidade de Pontevedra e hoxe recupera o seu esplendor grazas ás melloras realizadas nos últimos meses”
A Xunta levou a cabo a reparación da cuberta da ábsida e tamén nas fachadas, o que supuxo un investimento autonómico de 550.000 €
Esta actuación completa as efectuadas en 2020 e 2021, cando se interveu na cuberta da nave central e lateral e na estabilización das vidreiras, sumando un orzamento global que supera os 800.000 €
Pontevedra, 14 de agosto de 2025
A Xunta enxalza a restauración da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra como exemplo do compromiso coa conservación dos bens culturais.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asistiu esta mañá á inauguración das obras realizadas neste templo pontevedrés, que é ben de interese cultural desde o ano 1931.
Allegue destacou que “esta basílica forma parte da identidade de Pontevedra e hoxe recupera o seu esplendor grazas ás melloras realizadas nos últimos meses”.
A Xunta levou a cabo a reparación da cuberta da ábsida e tamén nas fachadas, o que supuxo un investimento autonómico de 550.000 €.
Esta actuación completa as efectuadas en 2020 e 2021, cando se interveu na substitución da cuberta da nave central e lateral e na estabilización das vidreiras. Neste sentido, o Goberno galego leva investido neste templo un orzamento que supera os 800.000 €.
Estas intervencións enmárcanse na partida de preto de 2,5 M€ dos Orzamentos da Xunta deste ano para restauracións en tres bens patrimoniais da cidade de Pontevedra, entre as que tamén se atopan o convento de Santa Clara e o santuario da Peregrina.