Nova: A Xunta colabora con 16 entidades culturais para o impulso de certames de artes escénicas e musicais de carácter afecionado

15/08/2025

A Xunta colabora con 16 entidades culturais para o impulso de certames de artes escénicas e musicais de carácter afecionado

  • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve a súa liña de axudas dotada con 70.000 €, un 40 % máis que a partida coa que contou na anterior convocatoria
  • O apoio que reciben van desde os 1.000 ata os 6.800€ para axudar nos custos da organización destas citas culturais

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2025.- A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas para a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado que, nesta ocasión, impulsará a colaboración con 16 proxectos.

Trátase dunha convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dotada con 70.000 euros, un 40 % máis que na anterior convocatoria, destinada a entidades culturais asociativas sen ánimo de lucro co fin de colaborar nos gastos correntes derivados da realización deste tipo de actividades culturais.

A través destas achegas, que van dos 1.000 aos 6.800 euros, o Goberno galego apoia a realización de diversas iniciativas promovidas por organizacións sen fin de lucro das catro provincias. Así na de Pontevedra, contarán con este pulo o Ameixa Rock 2025, da Asociación Ameixa Rock de Vilagarcía; o XIV Kanekas Metal FEST, da Asociación Cultural Morrazica de Cangas; o 37º Festival de Poesía do Condado, da ASCD O Condado de Salvaterra do Miño; e as Picnic Sesions, de Lideiras Asociación Cultural.

Do mesmo xeito, apóiase con esta partida o XXXII Revoltallo de música e cultura emerxente, da Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares, de Vigo; o IX Festival Nocedarock, da Asociación Cultural Bolarqueira, de Lalín; o IV Festival de Verán, da Asociación Sforza Bembrive; o Festival Vertixe 13, da Asociación Cultural Vertixe de Vigo; o IX Miúdo Fest, do Centro Social e Deportivo as Pedriñas, e o Rosal Cámara Fest, da Asociación Agrupación Musical do Rosal.

Na provincia de Ourense, pola súa banda, figura o Festival Internacional da Pedra, da Asociación Cultural Bela Auria de Ourense. En canto aos de Lugo, son X Festival Agrocuir da Ulloa, da Asociación Agrocuir da Ulloa de Moterroso; o VII Fest Clásico Ribeira Sacra, da Ribeira Sacra Cultural, e a XXXII Mostra de instrumentos de música tradicional, da Asociación de gaiteiros galegos en Guitiriz. Finalmente, da provincia da Coruña contribuíuse co Tremeterra IV Encontro SoundSystem, da Terra Brava da Asociación Cultural SonSistema, de Santiago de Compostela, e o Festival de Música Bruón Folk, da Asociación Os Liantes de Ribeira.

Con esta iniciativa, o Goberno galego contribúe a reforzar a oferta cultural en todo o territorio a través de programacións diversas e de calidade dirixidas a todos os públicos co obxectivo de promocionar a cultura de Galicia axudando a mellorar as infraestruturas e promovendo a contratación de artistas da Comunidade ou outros emerxentes dándolles a oportunidade de darse a coñecer.

Comparte