Nova: A Xunta adaptará unha estrutura en desuso dun dos edificios non construídos do Gaiás para dotar o museo e a biblioteca dun espazo de apoio loxístico

12/08/2025

A Xunta adaptará unha estrutura en desuso dun dos edificios non construídos do Gaiás para dotar o museo e a biblioteca dun espazo de apoio loxístico

Cunha superficie de 1.000 m2, habilitarase sobre un dos muros do que ía ser o Teatro da Música e que ficou como un resto dese proxecto non levado a cabo

As novas instalacións permitirán almacenar obras de arte, fondos bibliográficos e recursos empregados na montaxe de exposicións

Para o futuro depósito, buscarase unha solución arquitectónica que contribúa á súa integración no Xardín do Teatro, un dos espazos verdes da Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia dotará o Museo Centro Gaiás e a Biblioteca e Arquivo dun novo espazo de apoio loxístico para dar resposta ás necesidades de almacenaxe derivadas da expansión da actividade destas institucións da Cidade da Cultura.

Para levalo a cabo non será necesario un edificio novo, senón que se aproveitará a existencia dunha estrutura de formigón en desuso, erguida para o que ía ser o Teatro da Música, edificio incluído no proxecto orixinal do Gaiás e finalmente non construído.

Dada a localización desas novas instalacións no lateral do Xardín do Teatro anexo á Biblioteca, optarase por unha solución arquitectónica que favoreza a súa integración no espazo verde onde se atopan, eliminando o impacto visual que xera agora este muro.

Cunha superficie de 1.000 m2, permitirá conservar obras de arte e fondos bibliográficos, así como almacenar estruturas e outro tipo de elementos técnicos empregados na montaxe das mostras ou nas producións escénicas.

A actuación responde ao incremento da actividade do Museo e da Biblioteca e Arquivo, así como á ampliación de liñas de traballo da Cidade da Cultura, que nos últimos anos comezou a producir exposicións e outros contidos non só para seren exhibidos no Gaiás, senón para itinerar por toda a Comunidade e centros de fóra de Galicia.

A Fundación Cidade da Cultura licitará estes traballos nos próximos días por un importe de 1,3 millóns de euros (máis IVE) e cun prazo de execución de 18 meses.

Comparte