Nova: López Campos destaca a importancia de Adro Vello “para entender como foi evolucionando Galicia ao longo dos séculos”

08/08/2025

López Campos destaca a importancia de Adro Vello “para entender como foi evolucionando Galicia ao longo dos séculos”

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu 25.000 euros para dotar ao espazo arqueolóxico deste novo recurso coa colaboración da Arquidiocese de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo

A área foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 2022 polo seu enorme interese científico, histórico e arqueolóxico

A actuación enmárcase no Plan de Actuacións Arqueolóxicas da Xunta de Galicia que este ano destina preto de 500.000 euros na provincia de Pontevedra

O Grove (Pontevedra), 8 de agosto de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a aula interpretativa de Adro Vello, onde destacou a importancia deste xacemento arqueolóxico “para entender como foi evolucionando Galicia ao longo dos séculos, xa que aquí están escondidos restos de máis de 1800 anos de historia, desde vestixios da época romana ata a alta idade Media de grande interese cultural e investigador”.

Tendo en conta os valores patrimoniais, históricos, paisaxísticos e socioculturais que reúne este ben, fíxose necesario dotalo dos recursos interpretativos que faciliten a comprensión da súa relevancia e dos restos alí achados. Isto motivou á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a levar a cabo os traballos museográficos necesarios para dotar ao emprazamento dunha aula interpretativa aos que destinou 25.000 euros ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Arquidiocese de Santiago de Compostela  para a cesión dun inmoble anexo a casa reitoral e preto da Igrexa de San Vicente do Grove. O espazo conta con 12 paneis explicativos que tratan a historia e o significado do xacemento, así como unha maqueta, un sártego pétreo extraído alí e a réplica da Moeda Xacobea de Traslatio exhumada durante as excavacións en 1985.

A zona arqueolóxica do Adro Vello declarouse Ben de Interese Cultural en decembro de 2022 por tratarse dun dos bens máis sobranceiros do patrimonio cultural galego e polo seu enorme interese científico, histórico e arqueolóxico. Trátase tamén dun emprazamento significativo dentro do Camiño de Santiago ao ser considerado o lugar de entrada do corpo do apóstolo Santiago cara Santiago de Compostela desde Xerusalén.

Preto de 500.000 euros en actuacións arqueolóxicas da provincia de Pontevedra

Esta actuación enmárcase nos traballos da Xunta de Galicia co Plan de actuacións arqueolóxicas de 2025 que destina preto de 500.000 euros para a realización dunha vintena de actuacións arqueolóxicas na provincia de Pontevedra. Neste senso, o máximo responsable de Patrimonio da Administración autonómica puxo en valor que “desde a Xunta estamos a velar polas boas condicións e a conservación do noso patrimonio máis senlleiro nun compromiso co legado dos nosos devanceiros, ao tempo que na obriga colectiva de preservalo para as xeracións actuais e futuras”.

En total, López Campos salientou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina este ano 1,5 millóns de euros para 81 accións en xacementos por toda Galicia, que se realizarán en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos. Segundo precisou, este plan inclúe o tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións necesarias para a salvagarda do patrimonio.

Comparte