Nova: López Campos anuncia un investimento de preto de 500.000 € este ano para unha vintena de actuacións arqueolóxicas en Pontevedra

05/08/2025

López Campos anuncia un investimento de preto de 500.000 € este ano para unha vintena de actuacións arqueolóxicas en Pontevedra

Salienta que o plan para 2025 quintuplica o número de accións con respecto a 2024, xa que se prevén unha vintena de actuacións nesta provincia

Adianta que se trata de escavacións, limpezas, prospeccións, traballos de consolidación e accións divulgativas en castros, igrexas e outros sitios históricos

Destaca o compromiso do Goberno galego co mantemento “en boas condicións e a conservación do patrimonio máis senlleiro” para achegar a nosa historia á cidadanía

Salvaterra de Miño (Pontevedra), 5 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia destinará preto de 500.000 euros para a realización dunha vintena de actuacións arqueolóxicas na provincia de Pontevedra durante este 2025. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita que realizou ao xacemento do Castro, en Salvaterra de Miño, “onde xa temos investido 20.000€ e estudaremos a necesidade de novas accións para os vindeiros anos”, adiantou.

O máximo responsable de Patrimonio da Administración autonómica lembrou que estes traballos na provincia de Pontevedra están organizados ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano se pon marcha desde o Goberno galego. Deste xeito, puxo en valor que “desde A Xunta estamos a velar polas boas condicións e a conservación do noso patrimonio máis senlleiro nun compromiso co legado dos nosos devanceiros, ao tempo que na obriga colectiva de preservalo para as xeracións actuais e futuras”.

En total, salientou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará este ano 1,5 millóns de euros para 81 accións en xacementos por toda Galicia, que se realizarán en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos. Segundo precisou, este plan inclúe o tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións necesarias para a salvagarda do patrimonio.

No caso concreto da vintena de intervencións que se levarán a cabo en Pontevedra, López Campos destacou o “elevado e incuestionable compromiso” coa provincia, “onde quintuplicamos o número de actuacións con respecto ao ano pasado para poñer en valor estes bens culturais con actuacións destinadas ao seu acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación”.

Xacemento do Castro de Salvaterra de Miño

No marco das 20 accións previstas para Pontevedra, fixo mención ao xacemento arqueolóxico que abrangue os Castros, Penedo dos Mouros e Castro de Lourido. Ao respecto, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou en 2023 convenio de colaboración co Concello de Salvaterra do Miño, cunha achega de 20.000€, para a realización de traballos de escavacións.

En concreto, explicou que o ámbito de actuación foi na zona da cabana castrexa “coa finalidade de favorecer a súa caracterización espacial, cronolóxica e funcional, o que permite un maior coñecemento de cara a súa xusta divulgación entre a cidadanía”. Finalmente, o conselleiro apuntou que esta visita lle serve ao departamento de Patrimonio da Xunta para coñecer se existen novas necesidades no xacemento “e, consecuentemente, estudar posibles accións futuras para a súa preservación e posta en valor”.

Comparte