Nova: A Xunta incrementa nun 22 % a dotación das axudas a salas de cine para apoiar a súa actividade anual con 465.000 euros

02/08/2025

A Xunta incrementa nun 22 % a dotación das axudas a salas de cine para apoiar a súa actividade anual con 465.000 euros

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pretende contribuír a posibilitar proxectos de dinamización e captación de público e programacións especiais ou regulares de cine galego, europeo ou de países con baixa representación

A convocatoria, de concorrencia non competitiva, comezará o 11 de agosto e estenderase ata o 11 de setembro

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2025

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia as bases da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dunha nova edición da convocatoria de axudas dirixidas á actividade das salas de cine galegas, para a que se dirixe este ano unha dotación de 465.000 euros, o que supón un incremento do 22,36 % respecto ao orzamento de 2024 para esta liña de apoio.

As subvencións, que por vez primeira se resolverán nun proceso de concorrencia non competitiva, destinaranse ao deseño e execución de accións dirixidas a diversificar a oferta de contidos, fidelizar públicos e garantir a permanencia dos espazos de exhibición cinematográfica galegos, con especial coidado das salas situadas en poboacións rurais. Con esta iniciativa, a Xunta reforza o seu compromiso co sector da exhibición cinematográfica, promovendo a sustentabilidade das salas e a accesibilidade da cidadanía á creación audiovisual galega e europea.

Poden ser beneficiarias destas axudas as persoas autónomas e empresas titulares de salas de exhibición comercial de cine situadas en Galicia, e as solicitudes deben presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia entre o 11 de agosto e o 11 de setembro.  

Máis para concellos pequenos e versións subtituladas

A contía máxima das adxudicacións poderá chegar ao 100 % do custe das actividades, co tope de ata 12.000 euros en salas de entre unha ou dúas pantallas e 18.000 euros no caso de espazos con seis ou máis pantallas. Estas cantidades poden incrementarse en 3.000 euros máis no caso de espazos de exhibición cinematográfica situados en concellos con menos de 25.000 habitantes.

Ademais, as salas que durante o período subvencionable programen máis do 50 % de títulos non nacionais e os proxecten en versión orixinal subtitulada tamén poden lograr un incremento de 3.000 euros da contía base.

O período de desenvolvemento dos proxectos subvencionables será desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 30 de xuño de 2026 e o prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de catro meses, contados a partir do día seguinte á presentación das solicitudes.

Recoñecemento como espazos integradores

Con esta canle de apoio, impulsaranse proxectos destinados a campañas de dinamización e captación de público, destacando as dirixidas ao infantil ou xuvenil e ao colectivo de persoas xubiladas. As iniciativas relacionadas co cinema galego en programacións especiais ou regulares e as actividades como encontros ou presentacións que fomenten a interacción do público cos filmes tamén entran nesta liña. A promoción do cinema europeo ou de terceiros países con pouca representación nas salas son outros proxectos que se incentivan a través destas subvencións.

A Xunta colabora así na pervivencia das salas da Comunidade fronte aos cambios de hábito de consumo, a irrupción das plataformas de vídeo baixo demanda e a dependencia de películas de grandes estudos non europeos, factores que condicionan a programación das carteleiras. Deste xeito, esta liña contribúe á permanencia e consolidación dos espazos  cinematográficos como lugares de exhibición do audiovisual, recoñecendo a súa importancia como centros culturais representativos, socializadores, e integradores, particularmente as salas situadas en poboacións rurais.

Comparte