Nova: Anxo M. Lorenzo destaca o compromiso da Xunta coa música clásica e o patrimonio na inauguración da XIX Edición de ‘Música no Claustro’

01/08/2025
Anxo M. Lorenzo destaca o compromiso da Xunta coa música clásica e o patrimonio na inauguración da XIX Edición de ‘Música no Claustro’
O director xeral de Cultura, asiste ao primeiro concerto do ciclo que se estende ata o xoves 7 de agosto con citas musicais, charlas e residencias artísticas
A iniciativa, que se celebra na Catedral de Tui, está enmarcada na campaña de verán do Goberno galego, ‘Para gustos, cultura’
Tui (Vigo), 1 de agosto de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu esta tarde á primeira actuación do festival Música no Claustro, co que colabora a Xunta de Galicia ao abeiro da campaña Para gustos, cultura. Trátase dun ciclo de concertos de música clásica, jazz e ata flamenco que se celebrará ata o xoves 7 de agosto na Catedral de Tui e que se suma á ampla oferta cultural para todos os públicos e de distintos tipos que propón o Goberno galego para este verán.
Antes do concerto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o traballo dos organizadores por achegar unha ampla programación, poñendo en valor a súa proxección tanto dentro como fóra de Galicia. Así mesmo, celebrou a oportunidade de gozar da actuación do cantante caboverdiano Mário Lúcio, que traslada a un formato íntimo as músicas clásicas e tradicionais de Cabo Verde e que mañá participará tamén nunha charla co xornalista José Font.
Música no Claustro é un certame no que música, patrimonio e creación van da man e que destaca como plataforma de investigación, creación, difusión e sensibilización. Ata o día 7, celébranse sete concertos que comezan hoxe co caboverdiano e seguen mañá co Jouska String Quartet, interpretando obras de Mozart e Schumann, e o domingo con Gabriela Giménez, que achega o flamenco a Tui. Xa a próxima semana, o luns é a quenda do jazz con María Toro, o martes, a frautista tudense Raquel Areal; o mércores 6, a pianista Clara Peya, en residencia artística, e xa como clausura, o xoves será o turno do violonchelista Mon-Puo.