Nova: López Campos destaca os “edificios vivintes e o estilo chamativo” de Raúl Velloso na súa nova exposición

30/07/2025

López Campos destaca os “edificios vivintes e o estilo chamativo” de Raúl Velloso na súa nova exposición

O representante do Goberno Galego subliñou o “xogo de luces e formas” do artista, “que dá alma e personalidade aos espazos urbanos”

A mostra, que poderá visitarse ata finais de semana, conta cun total de 16 pinturas e con dúas pezas emblemáticas da súa colección persoal: ‘O Cristo’ e ‘Bacaladera’

Vigo, 30 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a exposición Almazara de cores, do artista Raúl Velloso, que se pode visitar ata finais de semana no Pazo da Oliva de Vigo, onde puxo en valor “o estilo chamativo deste artista que xoga con edificios vivintes que parecen saltar do cadro”.

O representante do Goberno galego destacou o “xogo de luces e formas” do artista, “que dá alma e personalidade aos espazos urbanos”. Neste senso, fixo un chamamento ao público para aproveitar estes últimos días para achegarse a este espazo e afondar na obra de Velloso a través das 16 pinturas que compoñen a mostra, así como dúas pezas emblemáticas da súa colección persoal que se inclúen no proxecto expositivo: O Cristo e Bacaladera.

Raúl Velloso, natural de Cangas do Morrazo e discípulo de Antoni Tápies, descubriu a súa vocación artística nos anos 90 cando residía en Barcelona. Comezou a expoñer en Vigo en 1995 e saltou a case 20 países. A súa proposta, no Centro Social de Caixanova en 2004,  confirmou a un artista distinto, capaz de unir tradición e vangarda. Conta con varias exposicións anteriores nas que ten representados aos indianos, a muller na Ribeira Sacra, a primeira catedrática galega ou Rosalía de Castro.

Almazara de cores enmárcase dentro da programación de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher os meses de vacacións dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades.

Comparte