Nova: Javier Arias celebra a importancia da divulgación cultural e pedagóxica da música clásica na XII edición do Festival Bal y Gay

30/07/2025

Javier Arias celebra a importancia da divulgación cultural e pedagóxica da música clásica na XII edición do Festival Bal y Gay

O delegado territorial de Lugo pon en valor o achegamento desta disciplina a enclaves patrimoniais da Mariña lucense coa colaboración da Xunta para a realización de máis de dez concertos, encontros e outras accións

Do 12 ao 21 de agosto, artistas internacionais como Denis Kozhukhin, Leticia Moreno, o Cuarteto Casals e o Cuarteto Quiroga, entre outros, amosarán as súas propostas musicais

Foz (Lugo), 30 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias,   participou hoxe na presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, que se celebrará do 12 ao 21 de agosto con máis de dez concertos, encontros internacionais e outras actividades en 8 concellos da Mariña. Tal e como salientou, “trátase dunha cita que promove a divulgación cultural e pedagóxica da música clásica e que contará, un ano máis, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude”.

No acto, que tivo lugar no concello de Foz, o representante da Xunta destacou o achegamento da música clásica a enclaves singulares da Mariña lucense como son Alfoz, Mondoñedo, Ribadeo, Lourenzá, Cervo, Burela e Viveiro. Así, incidiu no “compromiso do Goberno galego con esta proposta artística na que se xuntan música, arte e patrimonio, tres piares básicos da cultura polos que seguimos a colaborar coa Fundación Xesús Bal y Gay”, sinalou.

Ao abeiro desta cita, Arias salientou a procura de manter unha oferta cultural diversa e de calidade no territorio galego, “como se vén facendo con maior notoriedade desde a aprobación da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Ademais, a cita forma parte da campaña estival da Xunta, Para gustos, cultura, onde se programan máis de 3.400 iniciativas de 40 tipoloxías distintas.

Tal e como adiantou o delegado territorial, outro dos eixos deste encontro será o pedagóxico, coa posta en marcha de dous proxectos musicais para o alumnado da comarca da Mariña. Por unha banda, a creación da Coral Marinaencanto e, por outra, o proxecto Operiña para a posta en escena dunha ópera orixinal adaptada que incluirá disciplinas diversas como son o teatro, a música, a danza, a literatura ou as artes plásticas.

Primeiro concerto en Foz e clausura en Viveiro

A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, ás 20,00 horas, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz, ás 20,30 horas. Como novidade, o 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo, ás 21,00 horas.

A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, ás 20,30 horas, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas. Entre outros artistas destacados do certame estarán o Cuarteto Casals e o Cuarteto Quiroga.

Toda a programación e os abonos para asistir ao encontro estarán dispoñibles no portal dixital do Festival Bal y Gay.

Comparte