Nova: A Xunta achegará 200.000€ para equipar o Pazo da Cultura de Abegondo

28/07/2025
A Xunta achegará 200.000€ para equipar o Pazo da Cultura de Abegondo
- O Consello dá luz verde á sinatura dun convenio, por importe total de 240.000€, entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello
- Co acordo, dotarase a antiga vivenda colonial da finca Os Loureiros, con mobiliario para un salón de actos e salas para accións relacionadas coa lectura
- A axuda responde ao compromiso do Executivo autonómico coas Administracións locais no impulso de infraestruturas axeitadas para ofrecer actividades culturais
- Así, co apoio do Goberno galego, o municipio coruñés contará cun centro referente na contorna, apostando por unha programación diversa e de calidade
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025.- A Xunta de Galicia achegará 200.000€ para dotar do equipamento necesario o edificio colonial localizado na finca Os Loureiros de Abegondo, en proceso de rehabilitación para converterse no Pazo da Cultura do municipio. Así se autorizouno Consello de hoxe, onde se lle deu luz verde á sinatura dun convenio, por un importe total de 240.000€, entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello, respondendo así ao compromiso do Goberno galego coas administracións locais no impulso de infraestruturas axeitadas para a dinamización da cultura.
Así, a través deste acordo, o Executivo autonómico súmase ao proxecto cultural cunha partida, dividida en dúas anualidades para 2025 e 2026, que se destinará á instalación do mobiliario preciso para a implantación dun salón de actos e de salas para accións relacionadas coa lectura.
Deste xeito, a Xunta comprométese coa posta en marcha dunhas instalacións que se converterán nun gran centro cultural para a localidade, tras a restauración dun edificio con valor histórico que integrará diferentes equipamentos no mesmo lugar, proporcionando novos espazos de encontro e formación para a cidadanía á vez que revitaliza a zona. Neste senso, o obxectivo coa recuperación desta finca para usos culturais é fomentar a participación activa da sociedade, de maneira que se converta nun punto de referencia na contorna para albergar accións de lecer e formativas de calidade, reforzando o sentido de comunidade e fortalecendo a identidade local a través da cultura.
Ademais do fito cultural que supón para veciñanza esta iniciativa, desde o Goberno galego apóiase o proxecto tamén pola súa posta en valor e aproveitamento do patrimonio e da súa contorna paisaxística para a sociedade.
Un centro de dinamización cultural
Coa equipación do inmoble co material necesario darase un paso máis para converter o inmoble da finca de Os Loureiros nun espazo de referencia para a lectura, o coñecemento e a dinamización cultural, com espazos polivalentes e salón de actos reconvertido a partir dun salón de vodas, com capacidade para acoller un amplo abano de actividades.
Así, a versatilidade concibida para este equipamento permitirá a celebración de exposicións temporais en interiores, cursos de formación, encontros culturais e eventos especialmente dedicados á terceira idade e á cativada. De forma complementaria, no proxecto contémplase a implantación de sistemas de realidade virtual.