Nova: A Xunta conclúe a declaración do Museo Sargadelos-Carlos Maside e a súa colección de arte como Ben de Interese Cultural

29/07/2025

A Xunta conclúe a declaración do Museo Sargadelos-Carlos Maside e a súa colección de arte como Ben de Interese Cultural

Recoñécese este edificio e unha colección de 1447 obras coa máxima protección polo seu valor sobranceiro

A resolución, que se fai oficial coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, basease na súa importancia a nivel histórico, arquitectónico e artístico

O recoñecemento chega despois de que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude complete o procedemento ao considerar a especial significación do complexo e das súas pezas para a comprensión da arte contemporánea galega

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural do Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, localizado en Sada, e a súa colección de arte composta por 1447 obras polo seu interese arquitectónico e artístico para a historia da Comunidade. Este recoñecemento eleva ata os 790 os elementos que contan con esta distinción en Galicia e supón a aplicación de inmediato do réxime de tutela da Lei de Patrimonio Cultural e, polo tanto, o maior nivel de protección.

Esta distinción, á que deu o seu visto e prace o Consello da Xunta a pasada semana, chega despois dun proceso iniciado en 2023, cando a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude decidiu incoar o expediente ao considerar que a institución museística se configura como un ben cun valor cultural sobranceiro en termos históricos, artísticos e documentais, composto tanto polo continente como polo contido.

Así, este conxunto patrimonial, xestionado pola Fundación Sargadelos, contará a partir de agora cun recoñecemento que o distingue como relevante e de especial significación para a comprensión da arte contemporánea galega, un feito que propiciará o establecemento de sistemas para velar pola súa conservación  e unha mellor divulgación deste legado para o seu estudo, investigación e goce por parte da sociedade.

Deste xeito, o edificio está considerado un fito na arquitectura contemporánea española que amosa na súa linguaxe construtiva a integración das influencias artísticas internacionais recollidas por Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Andrés Fernández–Albalat, e reúne os avances e as innovacións dos daquela novos espazos museísticos e culturais que se estaban definindo. Ademais, o espazo logra desenvolver unha simbiose coas súas partes integrantes e as pezas que acolle, concibido para albergar un conxunto artístico cun grande alcance simbólico e representativo da evolución da arte galega do século XX.

Ao seu valor arquitectónico úneselle o seu papel na promoción e difusión da obra dun grupo de artistas marcados polo exilio e polas xeracións posteriores que tomaron o relevo no seu traballo para reforzar e actualizar unha identidade cultural galega propia fundamentada nas máis avanzadas tendencias artísticas e de pensamento europeas. Así, a colección artística reúne pezas de históricos como Luís Seoane, Castelao, Reimundo Patiño, Alfonso Sucasas ou Urbano Lugrís.

Comparte