Nova: O pop do dúo galego-portugués Mocho Gris e da viguesa La Toñi poñen a banda sonora desta semana en ‘Atardecer no Gaiás’

29/07/2025
O pop do dúo galego-portugués Mocho Gris e da viguesa La Toñi poñen a banda sonora desta semana en ‘Atardecer no Gaiás’
Lucas de Centi e João Neves conxugan ‘indie’ electrónico e jazz co fado e a música tradicional galega nun directo o día 31 de xullo que expande os límites do pop ibérico
O venres 1, La Toñi convida a bailar a tristura e celebrar a amizade entre melodías pop-punk e sintetizadores no primeiro concerto de agosto no Gaiás
Todas as actuacións serán na Praza central da Cidade da Cultura, ás 21,00 horas con entrada libre e gratuíta
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025
O tránsito de xullo a agosto en Atardecer no Gaiás chega con Mocho Gris e La Toñi, dúas propostas pop diferentes para o ciclo de concertos ao aire libre na Cidade da Cultura que organiza a Xunta de Galicia. O xoves 31 de xullo o dúo galego-portugués formado por Lucas de Centi (líder das bandas galegas Néboa e Mel) e João Neves (artista luso colaborador de Baiuca) actuará no escenario da Praza central cunha proposta que reúne elementos do indie, da electrónica e do jazz para darlle unha volta á música pop de ambos lados do Miño.
Mocho Gris presentará no Gaiás o seu disco debut, titulado 2, un álbum que atravesa os códigos do pop alternativo e da canción tradicional galega e portuguesa, onde inclúen tanto cancións orixinais e como reinterpretacións de temas populares de artistas como Amália Rodrigues, António Variações ou Xosé Lois Romero.
O venres 1 de agosto será La Toñi quen actúe na Praza central da Cidade da Cultura, cunha proposta entre o europop e o punk con sintetizadores. O proxecto en solitario da cantante viguesa, coñecida por ser a voz e líder do grupo Dalsi, ofrecerá un repertorio de temas que falan de amor e de resacas emocionais nos que se celebra a amizade e a tristura é para bailala.
Tanto os concertos do xoves como do venres darán comezo ás 21,00 horas e o acceso é libre e gratuíto.
Tres ‘Atardeceres’ máis en agosto
No mes de agosto Atardecer no Gaiás programa tres citas máis para os xoves e venres á tardiña. O xoves día 7 actuarán as pontevedresas afincadas en Berlín Melodiam, que traen cancións vitalistas a base de electrónica e ritmos urbanos. O venres 8 subirán ao escenario os gañadores do certame Xuventude Crea organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, a cantante e compositora Sara Gimeno, o trío de música contemporánea Slimak e o grupo Lontras coa súa fusión de jazz e indietrónica.
Os derradeiros concertos desta décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás, que volve contar co patrocinio de Cervezas Alhambra, serán o xoves 21 de agosto. Esa tarde actuarán Futurachicapop, unha das voces máis orixinais do pop actual en español e o DJ compostelán Kike Varela, coñecido por fusionar a electrónica coa música tradicional galega.
Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este verán. O ciclo inclúe nesta décimo quinta edición un total de 11 datas e 16 artistas os xoves e venres ata o 21 de agosto. Todos os concertos son gratuítos.