Nova: Anxo M. Lorenzo destaca en Rianxo o papel das feiras do libro como instrumento dinamizador da lectura

24/07/2025

Anxo M. Lorenzo destaca en Rianxo o papel das feiras do libro como instrumento dinamizador da lectura

A Praza Castelao acollerá ata o domingo 27 de xullo máis de 40 actividades entre as que destacan propostas como espectáculos, presentacións ou sinaturas de libros

O director xeral de Cultura participa na inauguración desta cita que se impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 vilas e cidades galegas ata o mes de agosto

Rianxo (A Coruña), 24 de xullo de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Rianxo, a novena parada do circuíto impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Federación de Librarías de Galicia, onde destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara ao impulso e dinamización da lectura para todas as idades.

O representante da Xunta de Galicia puxo en valor “estas iniciativas, que potencian o descubrimento de novos autores, de novos xéneros literarios, de novas lecturas e enchen as cidades e vilas de diferentes propostas culturais para todos os públicos”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha programación ampla e variada de máis de 40 actividades, entre as que se inclúen as sinaturas de libros de preto de vinte autores, presentacións, obradoiros infantís e máis de dez espectáculos para toda a familia, incluíndo concertos, actuacións de baile e música tradicional e funcións de maxia. Unha iniciativa que o director xeral de Cultura remarca dentro “do compromiso do Goberno Galego por impulsar e dinamizar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa comunidade, así como tamén fomentar as nosas letras”.

Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo do escritor Óscar Reboiras e a interpretación músical do cuarteto da Escola de Música de Rianxo, e permanecerá aberta ao público ata o domingo 27 de xullo, de 12 a 14 horas e de 18,30 a 22,00 horas.

Catro feiras por diante

Rianxo é a novena das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo e Ponteareas, a Feira do Libro chega agora a Rianxo ata o 27 de xullo.

As catro Feiras do Libro que quedan son xa en agosto na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.

Esta feira, que pode visitarse na praza Castelao, enmárcase dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades.

Comparte