Nova: Anxo M. Lorenzo participa na Festa da Palabra que este ano rende homenaxe a Castelao na Insua dos Poetas

19/07/2025

Anxo M. Lorenzo participa na Festa da Palabra que este ano rende homenaxe a Castelao na Insua dos Poetas

  • O recoñecemento ao escritor rianxeiro enmárcase dentro da programación do ‘Ano Castelao’, coincidindo co 75 aniversario da súa morte
  • O director xeral de Cultura destaca na celebración no Carballiño a “gran demostración da riqueza cultural, literaria e lingüística galega que supón este acto, cun valor engadido como é a contorna natural do espazo”

O Carballiño (Ourense), 19 de xullo de 2025.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, asistiron hoxe á décimo séptima edición da Festa da Palabra, que se celebra na Insua dos Poetas do Carballiño. Trátase dunha cita na que o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a “gran demostración da riqueza cultural, lingüística e literaria que supón este encontro xa tradicional no verán galego”. Neste senso, Anxo M. Lorenzo celebrou que a programación do Ano Castelao chegue tamén a un espazo como a Insua dos Poetas. “o que lle dá un valor engadido a esta cita coa lingua, a literatura, a arte e a música”.

A Fundación Insua dos Poetas, presidida por Luis González Tosar, organiza este ano unha homenaxe á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coincidindo co 75 aniversario do seu pasamento e a declaración do Ano Castelao. Nesta ocasión, entréganse os seus tradicionais premios á Editorial Galaxia e ao Cineclube Padre Feijoo e, ademais, recoñécese nas artes literarias a César Lorenzo Gil; no impulso da lingua a María Xosé Porteiro e a Irmandade Sanitaria Galega; na cultura na emigración a Ramón Aguiño López e en acción social ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe Curros Enríquez de Celanova, pola protección á natureza.

Completan a programación desta festa a descuberta dunha escultura obra de Antón Pulido e as actuacións musicais de Tres Pesos, de Santiago de Compostela, e da histórica formación ourensá dos gaiteiros de Coral de Ruada.

Comparte