Nova: Anxo M. Lorenzo celebra a ampla programación cultural da 41ª Mostra de Teatro de Ribadavia

18/07/2025
Anxo M. Lorenzo celebra a ampla programación cultural da 41ª Mostra de Teatro de Ribadavia
Esta edición, que se celebra desde hoxe e ata o 26 de xullo, inclúe máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións comunitarias
O Centro Dramático Galego colabora coa peza en residencia ‘Os passadores’ na que a directora lusa Patricia Portela aborda a emigración e os espazos transfronteirizos
A iniciativa, incluída no marco da campaña de verán da Xunta de Galicia ‘Para gustos, cultura’, estrea dirección artística
Ribadavia (Ourense), 18 de xullo de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe na inauguración da 41º edición da Mostra de Teatro de Ribadavia, que se estende ata o vindeiro sábado 26 de xullo. Alí, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a “ampla e diversa programación da cita” así como tamén salientou a “importancia da iniciativa para a nova creación escénica e teatral galega, ofrecendo un espazo para a visibilidade do seu traballo”.
Neste senso, a mostra conta con máis de 35 actividades programadas, con presenza galega e internacional. Así, preséntanse espectáculos de nove compañías teatrais galegas, entre as que destaca o colectivo Volátil, que se estrea por primeira vez na MIT, e desenvólvense, coa colaboración de artistas e profesionais do ámbito, iniciativas paralelas como a celebración dos 20 anos do Premio Abrente. No eido internacional, compañías de Italia, Brasil e do resto de España tamén estarán presentes con proxectos emerxentes e contemporáneos. Ademais, inclúense tres residencias, seis obradoiros, o ciclo Satélite, que levará espectáculos ás aldeas, e diversos cursos abertos ao público, como o taller de clown de Roi Borrallas, o de máscara neutra de Mar Navarro, o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, ou o obradoiro de movemento para infancia a partir da peza Escambo de Mari Paula.
Nesta liña, Anxo M. Lorenzo quixo destacar a participación do Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta que este ano colabora na residencia da autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela co seu proxecto Os passadores, onde aborda cuestións actuais de nacionalidade e emigración a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando entre España e Portugal de 1936 a 1975. Portela desenvolverá nun obradoiro o traballo de investigación sobre Ribadavia e os lugares de fronteira co país veciño, cuxos resultados se amosarán o 23 de xullo na estrea dun espectáculo que porá así a atención nas propostas comunitarias que implican activación de memorias, miradas ao territorio e participación social.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia enmárcase dentro da programación estival do Goberno galego, Para gustos, cultura, e este ano estrea dirección artística. Así, o representante da Xunta quixo lembrar que segue vixente o espírito pioneiro que tivo nos anos setenta do século pasado, actuando como axente propulsor da incipiente escena profesional galega e berce da xeración teatral Abrente e que hoxe en día segue a ser punto de encontro, referencia e escaparate para a escena teatral galega e mundial.