Nova: López Campos convida a achegarse ás paisaxes celestiais de Horst Thürheimer en Ribeira

18/07/2025

López Campos convida a achegarse ás paisaxes celestiais de Horst Thürheimer en Ribeira

O representante da Xunta subliña a oportunidade de que “todo o pobo galego poida desfrutar de novas perspectivas artísticas internacionais de máximo nivel”

A mostra, que amosa 119 obras sobre papel, poderá visitarse ata o 6 de setembro na institución cultural da parroquia de Artes

Ribeira (A Coruña), 18 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración da mostra Paisaxes celestiais e terrenais, que amosa o traballo do artista alemán Horst Thürheimer. Trátase dunha iniciativa que acolle o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital ata o mes de setembro e que permite que os galegos “poidan desfrutar dunha perspectiva artística internacional de máximo nivel”.

Neste senso, durante o acto de apertura,  o representante do Goberno galego subliñou a importancia “para Galicia e a súa proxección que autores como el elixan expoñer na nosa terra” e convidou a achegarse a coñecer as paisaxes celestiais deste artista. Así mesmo,  sinalou ao Museo de Artes do Gravado como “un claro exemplo do gran papel como dinamizador cultural que ten o noso rural, na liña dos obxectivos da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia”.

A mostra inclúe 119 obras sobre papel, algunhas de gran formato, con técnicas como grafito, xiz ao óleo e lume sobre papel nunha exhibición que López Campos como “orixinal e novidosa, onde a destrución ten un papel tan importante como a arte da creación”.

A exposición Paisaxes celestiais e terrenais, que poderá visitarse ata o 6 de setembro no Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, enmárcase dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades.

Comparte