Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor a capacidade da fotografía para transmitir historias na inauguración da mostra ‘Habitar o baleiro’

18/07/2025

Anxo M. Lorenzo pon en valor a capacidade da fotografía para transmitir historias na inauguración da mostra ‘Habitar o baleiro’

O director xeral de Cultura, participa na apertura desta exposición do fotoxornalista Brais Lorenzo que se poderá visitar ata o 15 de setembro na Fundación Camilo José Cela de Padrón

O proxecto reúne 30 imaxes do fotógrafo, textos xornalísticos e recompilacións do escritor padronés

Padrón (A Coruña), 18 de xullo de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Fundación Camilo José Cela a exposición do fotoxornalista Brais Lorenzo, Habitar o baleiro, que ten como obxectivo documentar  o despoboamento e a vida no rural galego. Un xeito, apuntou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “de empregar a fotografía como un recurso máis para contar historias, para achegar o pasado de Galicia á sociedade xeral e para mostrar a importancia da fotografía na cultura e no día a día da poboación”.

Tal e como explicou o director xeral, a mostra é unha mestura de 30 imaxes de Brais Lorenzo e textos coordinados da xornalista Claudia Morán e escritos por ela, Manolo Broa, Alba Modelo, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui, para documentar as luces e as sombras, dalgunha das áreas máis despoboadas de Galicia. “Configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeo e textos, incluíndo reportaxes do colectivo Habitar o baleiro publicadas na prensa, creando en todo o seu conxunto unha experiencia inmersiva”, apuntou Anxo M. Lorenzo. Ademais, poderanse ver textos relacionados do propio Cela, así como tamén pezas que forman parte da colección do museo.

Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén fixo fincapé na “posta en valor do patrimonio material e inmaterial que nos ofrece este percorrido por Galicia a través da imaxe amosando ao público como é a vida que a simple vista non se ve”. Ademais, salientou a importancia da exposición para os fondos documentais e para as xeracións posteriores, “que grazas a este traballo poderán consultar e revisar a vida dos seus antepasados”.

A soidade, o illamento ou o abandono son algunhas das temáticas da exposición que se poderá visitar desde hoxe e ata o luns 15 de setembro na Fundación Camilo José Cela. Ademais, a mostra Habitar o baleiro, que xa visitaron máis de 16.000 persoas no Museo Quiñones de León de Vigo, o Museo Provincial de Lugo, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense e o Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, ofrece tamén unha cara máis amable das áreas rurais, como o crecente interese polo sector primario e a vida no campo e natureza ou a importancia de ritos ancestrais e tradicións como o Entroido.

Comparte