Nova: A Xunta comprométese coa conservación dos videoxogos como parte do patrimonio audiovisual galego

15/07/2025
A Xunta comprométese coa conservación dos videoxogos como parte do patrimonio audiovisual galego
- O Consello aproba a sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Fundación Museo do Videoxogo para este cometido
- O acordo é garante da identificación, difusión e preservación da produción destas pezas na Comunidade
- O obxectivo é cumprir coa lexislación de depósito legal, para o que que a Biblioteca de Galicia é o centro depositario de referencia no territorio
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Fundación Museo do Videoxogo para a identificación, difusión e preservación do patrimonio vencellado a este eido en Galicia, na liña do seu compromiso coa protección e divulgación da cultura.
Deste xeito, a través deste acordo, o Goberno galego fai unha achega de 10.200€ destinada a poñer en marcha un programa que sexa garante da correcta identificación e conservación dos videoxogos producidos na Comunidade. Ademais, o obxectivo é cumprir coa lexislación de depósito legal, para o que a Biblioteca de Galicia é o centro depositario de referencia no territorioAsí, no senso de reivindicar este tipo de creación como unha forma de cultura e de arte, parte do patrimonio audiovisual de Galicia, desde a Xunta considérase que a maneira máis axeitada de salvagardar este legado é a través da Fundación Museo do Videoxogo, dado que o seu equipo é un dos maiores coñecedores da produción do sistema galego, incluíndo empresas ou ilustradores, entre outros. Por este motivo, sostense que é fundamental a colaboración coa Biblioteca de Galicia para a descrición dos videoxogos susceptibles de estar baixo a lexislación do depósito legal.
As actuacións previstas ao abeiro deste convenio artellaranse en base a varias necesidades. En primeiro lugar, levarase a cabo unha actualización da situación actual da industria do videoxogo en Galicia, coa correspondente elaboración dunha base de datos na que se reflictan todos os axentes vencellados a este ecosistema. A isto engadiráselle a creación dun directorio de títulos de pezas creadas por empresas con sede social na Comunidade.
Na seguinte fase, farase chegar aos axentes produtores a información sobre a obrigatoriedade do depósito legal para este tipo de publicacións e aos centros conservadores a importancia da súa responsabilidade para identificalos e conservalos para as xeracións futuras. Neste senso, requerirase unha descrición bibliográfica o máis detallada posible dos videoxogos identificados para a súa incorporación ao Catálogo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Outra das liñas recollidas neste acordo consiste en Identificar as necesidades tecnolóxicas para garantir a preservación destes materiais en soporte non tanxible e a non obsolescencia dos editados en soporte físico.
Para terminar, inclúsese un punto referido á difusión do valor dos videoxogos como parte do patrimonio audiovisual galego mediante unha mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia sobre a súa historia.
O depósito legal
A actual lexislación establece que son obxecto de depósito legal todas as obras bibliográficas, sonoras, visuais, audiovisuais e dixitais, producidas ou editadas en España, por calquera procedemento de produción, edición ou difusión e distribuídas en calquera soporte, tanxible ou intanxible. Neste contexto, a Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, constatou como imprescindible que o patrimonio cultural e intelectual que protexe tiña que verse ampliado ao que se publica e difunde en soporte intanxible, como as páxinas web ou os libros electrónicos, respondendo así ás novas formas de transmisión da cultura.