Nova: O rap conquista a Cidade da Cultura este xoves no primeiro ‘Atardecer Fest’ coas voces de Al Safir, Faenna e Dirty Suc

15/07/2025
O rap conquista a Cidade da Cultura este xoves no primeiro ‘Atardecer Fest’ coas voces de Al Safir, Faenna e Dirty Suc
Encadrado no ciclo ‘Atardecer no Gaiás’, a xornada está dedicada á música urbana e contará con tres artistas destacados da escena galega e española
As actuacións comezarán ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás con entrada libre e gratuíta
O ciclo da Xunta de Galicia continuará o venres coa viguesa Lua de Santana que trae unha fresca e bailable mestura de pop, música club e ritmos afrolatinos
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás que programa a Xunta de Galicia na Cidade da Cultura celebra o xoves 17 de xullo o seu primeiro Atardecer Fest, unha xornada especial con varias actuacións que este ano dedica en exclusiva á música urbana. O madrileño Al Safir, a malagueña Faenna e o vigués Dirty Suc, tres voces destacadas da escena do rap galego e español, serán os protagonistas a partir das 21,00 horas na Praza central do Gaiás.
O primeiro en subir ao escenario da Cidade da Cultura será Dirty Suc, un mozo que leva desde o 2012 escribindo letras e cancións nas que transita entre o rap contemporáneo, o folk galego, o R&B e o reguetón. Unha dedicación intensa e un son enraizado no persoal (as referencias ao Celta, á cidade de Vigo e á cultura galega son constantes nos seus temas) fixo medrar a súa carreira de maneira excepcional nos últimos anos, con xiras por toda España e colaboracións con referentes como C. Tangana ou Hard GZ.
Xa co sol tras o horizonte actuará Faenna, cun estilo afiado que sobresae polas súas letras e enxeño así como por mesturar a esencia do rap clásico con samplers de soul e de jazz. A andaluza presentará no Atardecer Fest o seu último traballo Julia y Manuel, no que mostras a súa madurez como artista e rende homenaxe ás súas raíces flamencas, xuntando frautas e baixos, guitarras e caixas entre rimas cargadas de rabia e duende.
Pechará o Atardecer Fest como cabeza de cartel Al Safir, figura consolidada como un dos grandes nomes do rap underground en español. Cun estilo que combina lírica descarnada e mensaxes profundas, o madrileño trae ao Gaiás o seu último álbum Black Ops, no que conta a súa visión sobre o bo e o malo da vida de barrio. Máis de medio millón de escoitas mensuais en plataformas e conseguir encher o Palacio Vistalegre de Madrid forman parte da tarxeta de presentación do rapeiro para a súa cita na Cidade da Cultura.
Ao remate dos concertos, haberá un reforzo no servizo de autobús urbano coa liña C11 para baixar do Gaiás ás 01,00 horas da madrugada.
Concerto de Lua de Santana, o venres
O ciclo Atardecer no Gaiás da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude continuará o venres 18 de xullo coa actuación de Lua de Santana, unha das novas artistas máis orixinais da escena pop galega e española. Coa súa fusión de xéneros, a súa poderosa presenza no escenario e a e a exploración da súa dobre identidade como galega de raíces brasileiras, a artista viguesa chamou xa a atención de grandes nomes da escena actual como Nathy Peluso, coa que colabora no tema MENINA.
Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para este verán. O ciclo inclúe nesta décimo quinta edición un total de 11 datas e 16 artistas os xoves e venres ata o 21 de agosto. Todos os concertos son gratuítos.