Nova: López Campos anuncia un investimento de 350.000 € este ano para actuacións arqueolóxicas en Lugo

12/07/2025
López Campos anuncia un investimento de 350.000 € este ano para actuacións arqueolóxicas en Lugo
O plan deste ano dobra o número de accións con respecto ao ano pasado na área lucense, chegando á vintena
Trátase de escavacións, limpezas, prospeccións, traballos de consolidación e accións divulgativas en castros, igrexas, covas e outros sitios históricos
Destaca “o compromiso do Goberno galego co mantemento en boas condicións e a conservación do patrimonio máis senlleiro para achegar a nosa historia á cidadanía”
Xove (Lugo), 12 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe en Xove, durante unha visita ao castro situado en San Tirso de Portocelo, un investimento de 350.000 € para a realización dunha vintena de intervencións en xacementos da provincia de Lugo durante este 2025. “Un conxunto de traballos que organizamos ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano poñemos en marcha desde o Goberno galego para velar polas boas condicións e a conservación do noso patrimonio máis senlleiro, achegando así a nosa historia á cidadanía”, apuntou.
Así, o representante da Xunta lembrou que se trata de accións realizadas en solitario ou ou en colaboración con institucións académicas e concellos, incluíndo tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións precisas para a salvagarda do patrimonio.
Neste senso, López Campos destacou o compromiso coa provincia de Lugo “onde dobramos o número de actuacións con respecto ao ano pasado para poñer en valor estes bens culturais con actuacións destinadas ao seu acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación”.
Proxecto de escavación e conservación en San Tirso de Portocelo
No marco das 20 intervencións previstas para Lugo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude asinou un convenio de colaboración co concello de Xove, cunha achega de 25.000 €, para acometer proximamente unha actuación arqueolóxica de escavación e conservación en San Tirso de Portocelo, un enclave composto polo castro de Mechiluide e unha antiga igrexa.
Deste xeito, tal e como explicou sobre o terreo o conselleiro, “pretendemos favorecer a súa posta en valor e tamén o coñecemento deste sitio arqueolóxico para avanzar na súa investigación e caracterización”.
Así, o proxecto contempla labores de investigación e documentación, escavacións con metodoloxía arqueolóxica na área dunha sondaxe realizada en 2020 e un estudo pormenorizado dos materiais arqueolóxicos recuperados, así como o seu tratamento. Ademais, tamén se levarán a cabo traballos de consolidación e acondicionamento das estruturas que se localicen, garantindo as condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Por último, tamén está previsto un rexistro fotográfico e a realización de diferentes accións divulgativas sobre as actuacións a realizar.