Nova: López Campos destaca a ‘relevancia cultural e social’ da celebración do Ribadeo Indiano

11/07/2025

López Campos destaca a ‘relevancia cultural e social’ da celebración do Ribadeo Indiano

Salienta a “implicación e entusiasmo” da veciñanza nun acontecemento que “lembra unha parte moi importante da nosa historia, como son os movementos migratorios”

Fai fincapé na posta en valor “do legado a todos os niveis, cultura, artístico o arquitectónico, que deixaron os emigrantes retornados”

O Goberno galego colabora con esta iniciativa no marco da campaña Para gustos, cultura que programa máis de 3.400 actividades en máis de 200 concellos

Ribadeo (Lugo), 10 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe ao pregón de inicio da X edición do Ribadeo Indiano, onde destacou a importancia desta celebración “tan significativa a nivel cultural e social, que nos lembra unha parte moi relevante da nosa historia, os movementos migratorios, a partir dos que tamén se forxou a nosa identidade e o desenvolvemento da nosa sociedade”.

Neste senso, o representante da Xunta felicitou á organización polo traballo a prol desta festa, coa que colabora o Goberno galego un ano máis, puntualizou, “por esa posta en valor do legado que os emigrantes retornados deixaron na nosa terra a moi diferentes niveis, cultural, artístico e, neste caso especialmente, tamén no referente ao patrimonio arquitectónico tan característico da zona”.

Así, o responsable de Cultura do Goberno galego fixo referencia ao “entusiasmo e implicación” coa que se vive este “retorno ao pasado” por parte da veciñanza da localidade lucense e resaltou a homenaxe que este ano se lle fai a un dos indianos máis lembrados, Ramón González, coincidindo cos 100 anos da súa morte, “porque máis alá dos persoeiros máis coñecidos, tamén cómpre manter na memoria a figura desas outras persoas, xenerosas, polo que fixeron polo pobo e o seu desenvolvemento”.

Ademais, López Campos,  lembrou  que esta é unha das moitas iniciativas nas que se involucra o Goberno galego a través da campaña de verán Para gustos, cultura, que supera as 3.400 actividades estendidas por máis de 200 concellos de toda Galicia ata setembro. A este respecto, explicou que se trata dun programa que abrangue 40 tipoloxías de propostas diferentes “que van precisamente desde festas como esta de Ribadeo e grandes festivais de música, a outras accións como circuítos de danza, teatro, maxia ou circo, sendo unha programación diversa para todos os públicos e para todos os gustos”.

Comparte