Nova: Anxo M. Lorenzo salienta en Ponteareas o papel das feiras do libro como ferramenta de dinamización da lectura

10/07/2025

Anxo M. Lorenzo salienta en Ponteareas o papel das feiras do libro como ferramenta de dinamización da lectura

Os xardíns da Xiralda acollerán ata o domingo 13 de xullo máis de 45 actividades entre as que destacan propostas como espectáculos, presentacións ou sinaturas de libros

O director xeral de Cultura participa na inauguración desta cita que se impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e que percorrerá 13 vilas e cidades galegas ata o mes de agosto

Ponteareas (Pontevedra), 10 de xullo de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ponteareas, a oitava parada do circuíto impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia, onde destacou o papel fundamental que supoñen estas propostas de cara ao impulso e dinamización da lectura para todas as idades.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “estas iniciativas, que potencian o descubrimento de novos autores, de novas lecturas e enchen as cidades e vilas de diferentes propostas culturais para todos os públicos”. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo agradeceu o traballo dos axentes implicados na organización da feira que contará cunha programación ampla e variada de máis de 45 actividades, entre as que se inclúen as sinaturas de libros de preto de trinta autores, espectáculos para familias, obradoiros infantís, un recital poético e máis de dez presentacións. Unha iniciativa que o director xeral de Cultura remarca dentro “do compromiso do Goberno Galego por impulsar e dinamizar a lectura, o sector libreiro e os grandes escritores e escritoras da nosa comunidade”.

Baixo o lema Onde florecen os libros, esta feira foi inaugurada coa lectura do pregón a cargo do escritor Rafael Rodríguez, máis coñecido como ‘Rafita’, e permanecerá aberta ao público nos xardíns da Xiralda ata o domingo 13 de xullo, de 12 a 14 horas e de 18 a 22,00 horas, ampliando o seu horario o sábado pola mañá, de 11 a 14 horas.

Cinco feiras por diante

Ponteareas é a oitava das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense e Vigo, a Feira do Libro chega agora a Ponteareas ata o 13 de xullo.

As cinco Feiras do Libro que quedan son neste mes de xullo en Rianxo, do 24 ao 27, e xa en agosto as feiras da Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.

Comparte