Nova: López Campos convida a “achegarnos a unha das tradicións relixiosas máis importantes do hinduismo”

10/07/2025
López Campos convida a “achegarnos a unha das tradicións relixiosas máis importantes do hinduismo”
O representante da Xunta subliñou a oportunidade que supón esta exposición para “vivir de forma indirecta esta celebración que combina o espiritual, o social e o cultural”
A mostra, que poderá visitarse ata o 29 de outubro, está formada por 25 fotografías do monfortino Manuel Valcárcel
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, invitou hoxe a “achegarnos a unha das tradicións relixiosas máis importantes do hinduismo como o Kumbh Mela”. Fíxoo na inauguración da mostra fotográfica Kumbh Mela. O baño da inmortalidade, un proxecto fotográfico do monfortino Manuel Valcárcel que se pode visitar no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
No acto o representante do Goberno galego, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, explicou que, a través das 25 fotografías que conforman a mostra, “podemos vivir de forma indirecta esta celebración que combina o espiritual, o social e o cultural” e describiu “unha mostra que nos axuda a romper cos estereotipos marcados, ir máis alá da mirada etnocéntrica que nos circunscribe a Europa”.
O Kumbh Mela é o maior encontro relixioso de fieis hindús do mundo. Trátase dun acontecemento que congrega máis de 400 millóns de persoas en 45 días, o maior número de peregrinos de todo o planeta, e que peregrina entre catro cidades cada 12 anos e, do que o fotógrafo Manuel Valcárcel deixou constancia. O obxectivo do ritual é bañarse no Río Ganges, Yamuna e o Sarasvati para lavar os pecados a través da limpeza espiritual.
López Campos destacou a importancia da peregrinación e da tradición xacobea na identidade cultural galega, “razón pola cal son importantes mostras como a que nos reúne hoxe aquí que nos achegan e amosan os vínculos con realidades que se encontran moi distantes xeograficamente, e mesmo, culturalmente a nós”, explicou. Así, o Museo das Peregrinacións e de Santiago xa acolleu en 2021 Destino, outra das grandes mostras de Manuel Valcárcel sobre temática das peregrinacións.
A exposición Kumbh Mela. O baño da inmortalidade, que poderá visitarse ata o 29 de outubro, enmárcase dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, unha iniciativa impulsada desde a Xunta de Galicia para encher o verán dunha oferta cultural diversa e de calidade que se desenvolverá en máis de 200 concellos de Galicia con máis de 3.400 actividades.