Nova: A Xunta apoia unha nova edición do festival ‘Abride a fiestra’, que homenaxeará as cantareiras cunha vintena de actividades na Casa Museo de Rosalía

03/07/2025

A Xunta apoia unha nova edición do festival ‘Abride a fiestra’, que homenaxeará as cantareiras cunha vintena de actividades na Casa Museo de Rosalía

Valentín García celebra o interese que esperta o legado de Rosalía de Castro na creación artística actual, “á que segue inspirando como referente imperecedoiro”

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta a influencia da cultura popular galega nas obras da autora

A iniciativa conta con visitas guiadas, concertos, presentacións, coloquios, xogos tradicionais e actividades para todos os públicos

Padrón (A Coruña), 3 de xullo de 2025

A Xunta volve apoiar a celebración do festival Abride a fiestra que se celebrará, o vindeiro 13 de xullo, na Casa Museo de Rosalía de Castro, en Padrón, nunha edición que se suma á homenaxe das Letras Galegas deste ano ás cantareiras e á cultura popular galega, “fonte e inspiración indiscutible na creación da nosa escritora máis universal”. Así o salientou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación hoxe da programación do certame.

Por estes motivos, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou esta “irmandade irrenunciable” na que afondarán a vintena de actividades que se organizarán, durante once horas seguidas, na Casa Museo de Rosalía e que abrangue visitas guiadas, concertos, presentacións, coloquios, xogos tradicionais e actividades para todos os públicos, que terán a escritora como figura central.

Ao respecto, Valentín García celebrou o “altísimo interese” que segue a espertar o legado da autora de Follas Novas ou Cantares gallegos na creación artística actual, “demostrando que continúa a ser inspiración e referente imperecedoiro xeración tras xeración, e non só no eido cultural, senón tamén no de carácter social coa súa visión tan adiantada e comprometida”.

Programación

A programación do 13 de xullo comezará ás once da mañá e incluirá actuacións musicais, sesións de contacontos e unha de observación astronómica, ademais dunha unha scape-room para a cativada, que tamén contará con xogos populares durante todo o día e poderá participar nun obradoiro de creación libre de obxectos sonoros con materiais naturais. A maiores, haberá visitas guiadas e presentacións e coloquios literarios.

Comparte