Nova: Ángel Miramontes anuncia que as obras na Catedral de Lugo rematarán este verán

03/07/2025

Ángel Miramontes anuncia que as obras na Catedral de Lugo rematarán este verán

Cun investimento de 450.000€, os traballos están destinados a solucionar os problemas de humidade na basílica de Santa María

A actuación encádrase no Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta que, co horizonte de 2027, prevé unha achega de 7M€ neste templo

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude visita tamén a Muralla de Lugo, cuxas obras no Cubo XVIII e no interior do lenzo do LXXI están executadas ao 65%

Lugo, 3 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia completará este verán as obras na Catedral de Santa María de Lugo. Así o anunciou hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, nunha visita á basílica na que comprobou o avance dos traballos destinados a solucionar os problemas de humidade, centrándose na capela dos Ollos Grandes e nas absidiais, localizadas todas elas na cabeceira do templo.

Así, tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, o obxectivo dos traballos que contan cun investimento de 450.000€ é corrixir estas deficiencias coa mellora da canalización das augas, da drenaxe e da ventilación, así como coa limpeza e rexuntado da fábrica exterior. Estas obras, tal e como afirmou, encádranse no Plan Catedrais de Galicia, a folla de ruta que toma como exemplo a restauración da Catedral de Santiago de Compostela para actuar nos tempos catedralicios de Galicia e que, co horizonte do ano 2027, prevé unha achega de 7M€ nesta basílica.

Deste xeito, lembrou que o inicio dos traballos xa permitiu sacar á luz un tramo da cloaca romana abovedada do século IV d.C. e unha canalización do século XVIII. “Trátase duns achados de grande importancia que nos permiten afondar na historia da cidade e coñecer mellor este elemento patrimonial de gran valor”, afirmou Ángel Miramontes antes de engadir que  “os principais traballos que se están a desenvolver enmárcanse nunha operación financiada polo programa Galicia FEDER 2021-2027 para o cal asinamos un convenio coa Diocese de Lugo”.

Ademais de visitar a Catedral de Lugo, o director xeral de Patrimonio Cultural comprobou tamén a execución dos traballos que a Xunta de Galicia está levando a cabo na Muralla de Lugo. Concretamente, visitou as actuacións no Cubo XVIII e no lenzo interior do Cubo LXXI, que contan cun importe de 589.000€ e que teñen máis do 65% executado.

No caso do Cubo XVIII, a intervención está dirixida a reparar os danos relacionados con fisuras e falta de morteiro nas xuntas, así como nas filtracións de auga que provocan esas disgregacións. Ao respecto, os traballos céntranse no desmonte dos muros de cachotería e o aproveitamento do material pétreo seleccionado, baixo supervisión arqueolóxica, para a súa recolocación. En canto ao outro cubo, tamén afectado por filtracións que proveñen do adarve, está a ser obxecto dunha intervención para corrixir a situación con métodos similares aos realizados noutros puntos da estrutura. Neste senso, para a escaleira, logo de protexer os banzos, seguirase a solución existente na escaleira do cubo XIX.

Comparte