Nova: O encontro internacional de ‘Soundpainting’ celebra en Santiago de Compostela a súa 27ª edición co apoio da Xunta

02/07/2025

O encontro internacional de ‘Soundpainting’ celebra en Santiago de Compostela a súa 27ª edición co apoio da Xunta

A técnica dunha lingua de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real reunirá do 6 ao 13 de xullo na capital de Galicia 30 especialistas de todo o mundo

O evento dará comezo no Salón Teatro cun concerto a cargo da Orquestra Galega de Liberación, formación artística anfitrioa da xuntanza

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025

Santiago de Compostela acollerá do 6 ao 13 de xullo o 27º Encontro Internacional Soundpainting Think Tank, no que participarán máis de 30 artistas de todo o mundo especializados na técnica dunha lingua de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real. A Xunta apoia a celebración deste evento itinerante na capital de Galicia, que combinará as sesións profesionais con actividades abertas ao público, entre elas, o concerto inaugural que terá lugar no Salón Teatro o próximo domingo, ás 20,00 h., a cargo da Orquestra Galega de Liberación.

Precisamente, no escenario da sede do Centro Dramático Galego mantiveron unha xuntanza preparatoria do evento o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e representantes do resto de institucións patrocinadoras e da organización do encontro, á fronte do que se sitúa o músico galego Xacobe Martínez Antelo, instrutor certificado en soundpainting, linguaxe creada hai 50 anos polo neoiorquino Walter Thompson.

Esta ferramenta de composición en vivo constitúe o foco de investigación sobre o que traballa a Orquestra Galega de Liberación, que exerce de formación anfitrioa dunha semana de convivencia con xornadas de traballo entre os profesionais inscritos, guiadas polo propio Thompson, ademais dunha completa programación en distintos recintos da cidade para que o público tamén descubra e coñeza máis sobre esta técnica.

Así, despois do concerto de apertura no Salón Teatro, no que a orquestra ao completo será dirixida por Walter Thompson e Xacobe Martínez Antelo, terán lugar outros catro recitais, todos ás 21,00 h., coa intervención musical de parte dos membros da formación xunto cunha selección de soundpainters internacionais. Estas citas, todas elas de entrada libre ata completar a capacidade dos locais, serán o luns 7 no pub Camalea, o martes 8 no Modus Vivendi, o mércores 9 na Borriquita de Belem e o xoves 10 na Casa das Crechas.

O venres 11 ás 20,00 h. dará comezo o concerto de clausura na Casa das Máquinas, de novo con toda a orquestra e todos os participantes do Think Tank. A última das actividades previstas desenvolverase o domingo 13 de xullo ás 13,00 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), cun faladoiro a cargo de Walter Thompson e a interpretación musical de Suelen Estar Quartet.   

Comparte