Nova: A Xunta apoia a experiencia musical e vitícola do 17º Ribeira Sacra a través dos concertos do xacobeo e da marca FEST Galicia

02/07/2025

A Xunta apoia a experiencia musical e vitícola do 17º Ribeira Sacra a través dos concertos do xacobeo e da marca FEST Galicia

Trátase dunha das citas musicais que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove mediante a adhesión ao selo de calidade para os festivais galegos

No cartel desta edición destacan nomes como Julieta Venegas, The Jayhawks, Exonvaldes, Ángel Stanich, Wings of Desire e o galego Anxo Araújo

O certame celebrará concertos e outras actividades, do 18 ao 20 de xullo, en Sober, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao

Sober (Lugo), 2 de xullo de 2025

O 17º Ribeira Sacra Festival celebra a súa novena edición, do 18 ao 20 de xullo, cunha programación que inclúe 15 actuacións musicais en cartel xunto con experiencias de gastronomía, arte e outras actividades de promoción do territorio en sete localizacións do concellos de Sober, Pantón, Monforte de Lemos e O Saviñao. A Xunta apoia a organización do evento a través do programa Concertos do Xacobeo.gal e do patrocinio pola adhesión á marca FEST Galicia.

Ademais da súa aposta pola calidade musical, o 17º Ribeira Sacra destaca pola súa integración nos espazos da contorna e pola posta en valor do patrimonio e da natureza, aspectos que conectan co distintivo creado pola Xunta para promover o territorio galego como destino musical de calidade baixo criterios artísticos e de sustentabilidade. O festival forma parte tamén do colectivo Festivales Territorio, que reúne unha selección de citas singulares, sostibles e en contornas rurais en todo o Estado. O Goberno galego tamén colabora na presenza de artistas galegos nestes eventos, como son os casos este ano de Guadi Galego en Tierra Bobal Fest e de Eladio y los Seres Queridos en Esférica Rioja Alavesa.

Así o destacou o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que interveu este mediodía na presentación da novena edición do festival que organiza a empresa galega I-Radia Crea, nun acto no que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A adega Regina Viarum, en Doade, no Concello de Sober, foi o lugar escollido para o encontro cos medios, onde quedará instalado o escenario principal FEST Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude situou, ademais, o 17º Ribeira Sacra como parte da campaña Para gustos, cultura, que a Xunta de Galicia ten preparada para distribuír durante todo o verán máis de 3400 citas de todos os ámbitos artísticos en máis de 200 concellos das catro provincias. Puxo en valor tamén a dinamización da zona con este tipo de eventos, en liña co traballo que está a desenvolver a Xunta cara á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade da UNESCO en 2026.

Impulso á presenza de artistas galegos

No escenario FEST Galicia actuarán os cabezas de cartel desta nova edición do 17º Ribeira Sacra, como son os estadounidenses The Jayhawks e a mexicana Julieta Venegas, xunto con nomes como os franceses Exsonvaldes, os británicos Wings of Desire, o español Ángel Stanich e o galego Anxo Araújo. No resto de espazos, a programación complétase cos concertos de Alondra Bentley, Cosmic Wach, así como os tamén galegos Allova, Néstor Pardo, Rapariga DJ, Tristón DJ e Nanein DJ. Neste sentido, o impulso da presenza de artistas do país na programación dos festivais consolídase como unha das prioridades da marca da Xunta.

Ademais, este “festival para os sentidos” volve brindarlle ao público experiencias gastronómicas e paisaxísticas vinculadas á idiosincrasia da Ribeira Sacra. Haberá concertos en catamarán para gozar da música nos canóns do Sil, rutas de sendeirismo e catas de produtos gastronómicos e tamén vitícolas, a cargo estas últimas do sumiller Juanjo Figueiroa.

Como novidade, a edición deste ano presentará o Mercado Gastro(Arte)Sano, unha aposta polo produto local que se desenvolverá durante a mañá do sábado no Santuario Nosa Señora de Cadeiras, en Sober, como actividade aberta a todos os públicos, con postos de gastronomía de marca galega e a actuación do grupo malagueño Cosmic Wacho.

Comparte