Nova: López Campos celebra que o índice de lectura en Galicia sexa superior á media de España

01/07/2025

López Campos celebra que o índice de lectura en Galicia sexa superior á media de España

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na inauguración da Feira do Libro de Vigo, á que se refire como a cita “por excelencia dos amantes das letras”

Agradece a implicación de todos os axentes na organización deste calendario posto en marcha pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia

A da Vigo é a sétima parada dun circuíto que forma parte do programa de actividades do verán do Goberno galego, o ‘Para gustos, cultura’

Os últimos informes sobre hábitos lectores e compra de libros sinalan que o 97,7% da poboación galega maior de 14 anos le de xeito habitual e que un 67,4% mercou libros no último ano

Vigo, 1 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortíz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Vigo, onde celebrou que o índice de lectura en Galicia sexa superior á media española. “Segundo os últimos informes publicados sobre os hábitos lectores a compra de exemplares, o sector do libro vive un bo momento en Galicia”, sinalou antes de engadir que o 67,4% dos galegos mercaron algún libro no último ano e que o 97,7% dos maiores de 14 anos len de xeito habitual.

Do mesmo xeito, durante o acto de apertura, sinalou que moitas destas adquisicións foron nalgunha das feiras que “cada ano percorren Galicia e que son xa a cita por excelencia dos amantes das nosas letras". Por este motivo, agradeceu a implicación de todos os axentes que fan posible o desenvolvemento desta iniciativa posta en marcha polo Goberno galego e a Federación de Librarías de Galicia. “Contamos cun gran sector literario do que debemos sentirnos orgullosos, xa que é un referente”, engadiou o conselleiro.

Por outro lado, o responsable autonómico de Cultura lembrou que ademais do apoio ao circuíto impulsado coa Federación de Librarías de Galicia, a Xunta inviste máis de 3 millóns de euros en convocatorias para promocionar o sector do libro, traducir obras ou adquirir novidades. López Campos aproveitou a oportunidade para sinalar a “excelente oportunidade que ofrecen estas feiras para impulsar e visibilizar o libro en galego”.

Calendario ata agosto

Vigo é a sétima das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar xa por Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela e Ourense, a Feira do Libro chega agora á Praza de Compostela en Vigo ata o 7 de xullo.

A Feira do Libro seguirá agora o seu itinerario facendo paradas en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.

Comparte