Nova: Anxo M. Lorenzo remarca o labor do Festival Son do Pazo na difusión e promoción da música galega

30/06/2025
Anxo M. Lorenzo remarca o labor do Festival Son do Pazo na difusión e promoción da música galega
O director xeral de Cultura pon en valor a riqueza que amosa esta cita incluída na campaña ‘Para gustos, cultura’ da Xunta de Galicia
O Pazo de Mos acollerá actuacións musicais, un obradoiro de danza tradicional, espectáculos infantís e un mercado de artesanía desde o sábado 30 ao domingo 31 de agosto
Mos (Pontevedra), 30 de xuño de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da programación do X Festival O Son do Pazo 2025, unha iniciativa que terá lugar co apoio da Xunta de Galicia no Pazo de Mos entre o sábado 30 e o domingo 31 de agosto.
Na presentación, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remarcou o traballo e compromiso deste festival co folclore galego, achegando a música galega e ritmos celtas internacionais a un público diverso. O director xeral de Cultura remarcou a importancia de contar con citas gratuítas, que acheguen a cultura e a nosa música a maiores e pequenos. Así mesmo, lembrou que este festival forma parte da campaña Para gustos, cultura que ten en marcha a Xunta de Galicia para os meses de verán con 3.400 actividades en máis de 200 concellos.
A programación do sábado contará coas actuacións da banda de gaitas Airiños do Castelo, Sheila Patricia, Algaire, Mekanika Rolling Band e Mediarea. A axenda este día complétase coa celebración das Olimpiadas Rurais, o concurso de cuartetos e o pasarrúas con Treboada Baixo Miño. O domingo, pola súa banda, os asistentes poderán gozar da actuación de Zurrumalla, unha sesión vermú, un obradoiro de baile impartido por Hadrián García e o espectáculo infantil de Uxía Lambona e a banda Molona.