Nova: A Xunta achega 114.000€ para adaptar o antigo edificio da Cámara Agraria como Biblioteca de Boimorto

30/06/2025
A Xunta achega 114.000€ para adaptar o antigo edificio da Cámara Agraria como Biblioteca de Boimorto
O Consello dá luz verde á sinatura do convenio entre o Goberno galego e o concello coruñés para levar a cabo esta intervención que se desenvolverá en dúas anualidades
A actuación encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva a cabo para divulgar e promocionar a cultura en todo o territorio no marco do Plan de mellora das infraestruturas
O obxectivo dos traballos é facer que o espazo desempeñe un papel fundamental na educación, na cultura e no acceso á información dos veciños
As tarefas centraranse en converter en accesible o edificio, modificar os acabados interiores, mellorar a climatización e manter a linguaxe exterior da edificación
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegará 114.000€ para levar a cabo obras de adaptación no primeiro andar do antigo edificio da Cámara Agraria para uso da Biblioteca de Boimorto, na liña do seu plan de axudas para a divulgación, información e promoción da cultura, en todo o territorio no marco do Plan de mellora das infraestruturas no que traballa a Administración autonómica e en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Así se acordou hoxe no Consello da Xunta, no que se deu luz verde á sinatura do convenio entre o Goberno galego e o concello coruñés.
Deste xeito, o inmoble, que está destinado ao desenvolvemento de actividades artísticas, máis alá das literarias, será obxecto dunha intervención que incluirá a mellora da accesibilidade do edificio, a modificación dos acabados interiores, carpinterías e falso teito acústico, a renovación do sistema de climatización con bombas de calor e casettes e o mantemento da linguaxe exterior da edificación. Desde o Executivo autonómico respóndese así á necesidade de pór solución á actual situación de accesibilidade do local, de maneira que se adecúe para ofrecer á veciñanza un espazo axeitado para fomentar a educación, a cultura, o acceso á información e a comunidade.
Así, os traballos destinados a renovar a infraestrutura en beneficio da cidadanía, distribuiranse en dúas fases, de maneira que o investimento será repartido en dúas anualidades. Para este 2025 resérvase unha partida de 35.000€ para actuacións previas, demolicións, accións nas fachadas e particións e estrutura, principalmente. No 2026 a achega será de 79.000€ para intervir nas instalacións, carpinterías e proteccións solares, así como para desenvolver tarefas de revestimento ou trasdosados.
Estado do inmoble
O primeiro andar do antigo edificio da Cámara Agraria do concello de Boimorto conta cunha entrada nula en termos de accesibilidade consistente nunhas escadas dun só tiro, o que xera un importante problema de acceso. Por este motivo, faise necesario substituílas por unha rampla exterior no lateral do inmoble e unhas escaleiras adaptadas de tres tramos, así como tamén colocar un ascensor accesible que comunique o acceso co andar no que está situado a actual biblioteca. Así mesmo, os aseos do edificio carecen de adaptabilidade polo que se proxecta un aseo accesible comunicado tamén co ascensor e o acceso.
Por outra banda, a edificación conta con carpinterías en mal estado polo que se plantexa a modificación destas e dos acabados interiores, ademais do falso teito acústico. Así, preténdense tamén melloras na climatización colocando un recuperador de calor, bombas de calor e casettes no falso teito, situados exteriormente na fachada medianeira. Neste senso, procurarase tamén un mantemento da linguaxe exterior do edificio, mantendo a cor branca das carpinterías de aluminio.