Nova: Os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ arrancan co pop surfeiro dos galegos The Rapants e un cartel con 16 artistas e estilos para todos os gustos

29/06/2025
Os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ arrancan co pop surfeiro dos galegos The Rapants e un cartel con 16 artistas e estilos para todos os gustos
A banda de Muros, galardoada na última edición dos Premio MIN da Música Independente, actuará o 3 de xullo ás 21,00 h. na praza central da Cidade da Cultura
En total, Atardecer no Gaiás programa este verán 11 citas musicais para gozar de balde ao aire libre os xoves e venres de xullo e agosto
O talento galego é protagonista no cartel con The Rapants, Eris Mackenzie, Dirty Suc, Lua de Santana, La Toñi, Melodiam, Mocho Gris, Kike Varela DJ, Sara Gimeno, Lontras e Slimak
Ás bandas galegas súmanse figuras destacadas do rap estatal como Al Safir, a innovadora proposta electrofolk da portuguesa Ana Lua Caiano, os ritmos latinos dos chilenos Calle Mambo ou o pop desenfadado de Futurachicapop
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025
O próximo xoves 3 de xullo, ás 21 horas, darán comezo os concertos de Atardecer no Gaiás coa actuación de The Rapants, unha das bandas galegas con máis proxección dos últimos anos. Os de Muros traerán á Cidade da Cultura o pop surfeiro e alegre do seu último disco, La máquina del buen rollo, galardoado co premio ao mellor álbum en galego nos Premios MIN da música independente estatal.
En total, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe este verán 11 datas e 16 artistas de estilos diversos entre os que hai electrónica, pop, rap e música urbana e ritmos latinos. Todos os concertos serán os xoves e venres entre o día 3 de xullo e o 21 de agosto (agás os días 24 e 25 de xullo e 14 e 15 de agosto) ás 21,00 horas na praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e de balde.
Protagonismo do talento musical galego
No cartel da décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás o talento musical de Galicia ocupa un lugar destacado, con once artistas do país. Ademais de The Rapants, subirán ao escenario no Gaiás Eris Mackenzie, coa súa emocional combinación de electrónica minimalista e música tradicional galega, a viguesa de raíces brasileiras Lua de Santana cunha proposta bailable na que resoa a música club, o soul e os ritmos afrolatinos, e o dúo galego-portugués Mocho Gris, que expande os límites sonoros do pop ibérico combinando elementos do jazz, o fado e a tradición galega.
O elenco galego complétase co pop cargado de sintetizadores e resacas emocionais de La Toñi, a electrónica urbana das pontevedresas afincadas en Berlín Melodiam, a actuación do coñecido DJ compostelán Kike Varela e os tres grupos gañadores do certame Xuventude Crea 2024, impulsado pola Xunta de Galicia: Sara Gimeno coa súa fermosa voz de R&B, o indie de Lontras e o trío de saxo e teclado Slimak.
Tamén o rapeiro vigués Dirty Suc compartirá escenario con dúas das figuras máis destacadas a nivel estatal dentro do xénero do hip-hop: o madrileño Al Safir, nunha xornada que Atardecer no Gaiás dedicará en exclusiva á música urbana, o xoves 17 de xullo.
De Madrid chegará tamén Futurachicapop, que porá o peche a esta edición co seu pop cargado de sintetizadores e melodrama o xoves 21 de agosto, noite que contará tamén coa actuación do DJ Kike Varela.
Artistas internacionais
Atardecer no Gaiás mantén a súa vontade de achegar ao público galego artistas internacionais con propostas frescas e innovadoras. Nesta ocasión, será cos concertos dos incansables exploradores chilenos dos ritmos latinos, Calle Mambo, e da lisboeta Ana Lua Caiano, renovadora do folclore portugués en conexión coa música electrónica e unha das artistas do país veciño con maior proxección na actualidade.
O ciclo, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.