Nova: O Centro Dramático Galego e Raquel Crespo inician en Culleredo a xira da súa coprodución ‘Punto en boca’ por unha trintena de localidades

27/06/2025

O Centro Dramático Galego e Raquel Crespo inician en Culleredo a xira da súa coprodución ‘Punto en boca’ por unha trintena de localidades

  • O Xardín Botánico Ría do Burgo acolle mañá a estrea deste espectáculo itinerante para público familiar, que reflexiona sobre o valor dos oficios tradicionais e o papel das mulleres no mundo do téxtil
  • A peza é o primeiro resultado dun proxecto social da súa creadora, que incluíu unha decena de actividades e obradoiros arredor da costura e o teatro

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025.- O Centro Dramático Galego suma un novo título ao seu programa anual de coproducións coa estrea mañá en Culleredo de Punto en boca: entre fíos anda o lío, espectáculo itinerante da creadora Raquel Crespo que xirará ata finais de agosto por unha trintena de localidades, maioritariamente en núcleos rurais das catro provincias.

O espectáculo é o primeiro resultado dunha iniciativa social pola que a súa autora acadou o VI Premio Luisa Villalta para proxectos pola igualdade e que, durante os pasados meses de febreiro e marzo, desenvolveu no concello de Culleredo unha decena de actividades e obradoiros arredor da costura, o teatro e a súa relación.

O Xardín Botánico Ría do Burgo será o escenario mañá sábado, ás 20,30 h., da primeira das funcións de Punto en boca, proposta pensada para público familiar que propón unha reflexión sobre o valor dos oficios tradicionais e, en concreto, sobre o papel das mulleres no ámbito da costura e da industria téxtil, utilizando o teatro como ferramenta para divulgar e reivindicar estas profesións.

Tras esta función, de entrada libre ata completar a capacidade, esta nova coprodución da unidade teatral da Xunta de Galicia iniciará unha intensa xira durante os meses de xullo e agosto, con actuacións en Alfoz, Bóveda, Ribadumia, Celanova, A Pobra de Brollón, Curtis, A Lama, A Arnoia, Vilamartín de Valdeorras, Rodeiro, Beade, A Rúa, Sarria, Taboada, Friol, Pazos de Borbén, Mugardos, Meira, Rábade, Baños de Molgas, Irixoa, A Cañiza, Carral, Allariz, O Valadouro, Oroso, Lourenzá e Lousame.

Escenario e taller

Raquel Crespo interpreta nesta peza unha muller, metade actriz e metade costureira, que percorre o mundo co seu carromato: un fogar con rodas que é, ao mesmo tempo, escenario e taller. Viaxa soa, pero sempre acompañada por unha araña discreta e incansable tecedeira de silencios.

Para o desenvolvemento do espectáculo, a súa creadora contou, entre outras achegas, con Susana Crespo na dramaturxia e coa música de Xosé Lois Romero. Ademais do Centro Dramático Galego na coprodución, dispuxo tamén do apoio da compañía El Ruiseñor e do Concello de Culleredo.

Ao tempo que se inicia esta xira, continúa desenvolvéndose a doutra das coproducións impulsadas este ano polo Centro Dramático Galego, neste caso con Mariña Lestón, que está a representar o espectáculo Costa da Morte, cartografía dun naufraxio en diferentes localizacións singulares do litoral galego. Esta mesma fin de semana poderá verse no Museo do Mar de Sorrizo en Arteixo (hoxe venres, ás 20,00 h.), no paseo marítimo de Sardiñeiro en Fisterra (mañá sábado, ás 22,30 h.) e no mirador de Monte de Ancos en Neda (domingo, ás 22,30 h.).

Comparte