Nova: A Xunta apoia a 41ª Mostra de Teatro de Ribadavia no inicio de etapa baixo unha nova dirección artística

26/06/2025
A Xunta apoia a 41ª Mostra de Teatro de Ribadavia no inicio de etapa baixo unha nova dirección artística
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega este ano 60.000€ como recoñecemento ao seu relevante papel no sistema teatral galego
- Sabela Mendoza e Gena Baamonde apostan por unha mirada contemporánea, diversa e feminista, polos formatos híbridos e o pensamento crítico
- A programación desta edición, que se celebrará do 18 ao 26 de xullo, inclúe máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións comunitarias
- O Centro Dramático Galego colabora coa peza en residencia ‘Os passadores’ na que a directora lusa Patricia Portela aborda a emigración e os espazos transfronteirizos
Ribadavia (Ourense), 26 de xuño de 2025.- A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia fixo pública hoxe a programación completa da súa 41ª edición, que se desenvolverá do 18 ao 26 de xullo marcada pola incorporación dunha nova dirección artística, por primeira vez a cargo dun equipo femInino, o formado por Sabela Mendoza como directora e Gena Baamonde como directora adxunta. A Xunta de Galicia ano máis o seu compromiso co encontro ribadaviense, a través dun convenio asinado esta mesma semana entre o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o alcalde da vila, César Fernández, polo que se achega ao evento 60.000 euros como recoñecemento ao seu relevante papel no sistema teatral galego.
Esta colaboración enmarcase na política de apoio a festivais estratéxicos de artes escénicas xunto coa liña específica de subvencións, dotada con 280.000 euros que se atopa nestes momentos en fase de resolución da súa convocatoria de 2025. Así o expresou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen interveu na presentación realizada no castelo dos Sarmiento xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e ás directoras, representantes da organización e do resto de entidades implicadas.
Edición de transición
Sutil felicitou o novo equipo directivo polo traballo realizado para esta edición, na que Mendoza e Baamonde abren novos camiños cara a unha programación con mirada feminista, diversa e contemporánea, que aposta polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas, pola exploración, o teatro comunitario e o pensamento crítico. Baixo o lema Escenas en tránsito, desenvolveranse en total máis de 35 actividades entre funcións, obradoiros, encontros, foros e accións abertas á comunidade, repartidas en máis dunha ducia de espazos escénicos, facendo da MIT un festival expandido onde se presentarán 23 espectáculos de teatro, danza, performance, circo e artes vivas, coa participación de compañías procedentes de Galicia e o resto de España, ademais de compañías procedentes de Portugal, Italia e Brasil.
Sobre a carteleira da 41ª MIT, o representante da Consellería de Cultura expuxo que mantén vixente o espírito pioneiro e fundacional que tivo nos anos setenta do século pasado, época na que actuou como axente catalizador da incipiente escena profesional galega e berce da xeración teatral Abrente. “E, ademais, hoxe en día, constitúese nun escaparate da escena mundial de primeira orde, nun punto de encontro transcendental para as compañías de teatro galegas e nun paradigma da relación, activa e participativa, co público máis próximo, o que forman a propia veciñanza deste municipio e os incondicionais que, ano tras ano, participan no evento”, engadiu.
Tamén destacou que o Centro Dramático Galego colabora este ano na residencia da autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela co seu proxecto Os passadores, onde aborda cuestións actuais de nacionalidade e emigración a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando entre España e Portugal de 1936 a 1975. Portela desenvolverá nun obradoiro o traballo de investigación sobre Ribadavia e os lugares de fronteira co país veciño, cuxos resultados se amosarán o 23 de xullo na estrea dun espectáculo que porá así a atención nas propostas comunitarias que implican activación de memorias, miradas ao territorio e participación social.
Carteleira galega e internacional
A programación galega constitúe un dos eixes centrais da MIT, coa presentación de espectáculos de nove compañías do país como son Disiden.cia, Ibuprofeno Teatro, La Guajira, Ártika, Ítaca Teatro, Pistacatro, Furia Sotelo, Chévere e mais o colectivo A Volátil, que se presenta por primeira vez na MIT, e a colaboración de outras tantas artistas e profesionais en diversas actividades paralelas entre as que está a celebración dos 20 anos do Premio Abrente.
No plano internacional, destaca a presenza da compañía italiana Parini Secondo, a portuguesa Circolando e a coreógrafa brasileira residente en Cantabria Mari Paula. Doutros puntos de España chegarán proxectos emerxentes como o da creadora madrileña María Jurado, ao tempo que visitan por primeira vez Ribadavia recoñecidas compañías e creadoras como Malpelo, Luz Arcas, Cris Blanco, Societat Doctor Alonso ou o dúo Los Torreznos, poñendo o foco na escena contemporánea e na mestura de disciplinas. A estas montaxes teatrais, súmase o circo contemporáneo de Kolektiv Lapso Cirk e a danza paisaxística da coreógrafa e bailarina canaria Teresa Lorenzo.
A MIT non se limita á exhibición, senón que Inclúe tres residencias, seis obradoiros e cursos abertos ao público, como o taller de clown de Roi Borrallas, o de máscara neutra de Mar Navarro, o laboratorio El Desenterrador con Sofía Asencio e Tomás Aragay, ou o obradoiro de movemento para infancia a partir da peza Escambo de Mari Paula. Ademais, o ciclo Satélite levará espectáculos ás aldeas, fomentando o acceso e descentralizando propostas artísticas de calidade en espazos fóra do núcleo urbano.