Nova: A Xunta inaugura hoxe no Museo Gaiás a experiencia artística e tecnolóxica máis potente desenvolta ata o momento sobre a vida e o pensamento de Castelao

26/06/2025
A Xunta inaugura hoxe no Museo Gaiás a experiencia artística e tecnolóxica máis potente desenvolta ata o momento sobre a vida e o pensamento de Castelao
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca a aposta desta exposición polo emprego de intelixencia artificial “dun xeito ético e responsable, co obxectivo de achegar a nosa cultura a novos públicos e sen deixar de lado o traballo de autor”
Na materialización deste proxecto participaron medio centenar de persoas con perfís técnicos e creativos e numerosas empresas e institucións galegas, amosando o potencial da nosa Comunidade no eido das artes dixitais
Encadrada na programación da Xunta de Galicia con motivo do ‘Ano Castelao’, a instalación conta coa colaboración coa Fundación Castelao e poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro de 2026
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a instalación de arte dixital Castelao. Mirar por Galicia, a experiencia tecnolóxico-cultural máis ambiciosa desenvolvida ata o momento sobre a figura do ilustre autor, artista, político e intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia remarcou que este proxecto expositivo, realizado en colaboración coa Fundación Castelao enxalza desde unha perspectiva anovadora “as importantes achegas do intelectual galeguista a partir dun percorrido pola súa vida e a súa obra”, incorporando tanto as súas creacións máis senlleiras como tamén momentos máis persoais que marcaron o seu percorrido vital.
López Campos referiuse a esta experiencia como o primeiro gran proxecto galego de arte dixital que aposta decididamente polo emprego de tecnoloxías como intelixencia artificial xerativa, videomapping, ou realidade virtual co obxectivo de recuperar a figura dunha personalidade histórica tan emblemática da nosa cultura como o intelectual rianxeiro. Castelao. Mirar por Galicia recrea así a súa imaxe e a súa voz, de xeito hiperrealista, a partir dunha ampla base de documentación histórica e arquivos fotográficos e audiovisuais conservados en diferentes institucións.
No acto de apertura da instalación, o conselleiro estivo acompañado polo director artístico do proxecto, Carlos Seijo; o asesor histórico e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez.
Un proxecto feito en Galicia e para Galicia
Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, Castelao. Mirar por Galicia aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura “a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor”, remarcou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.
Lembrou así o representante da Xunta de Galicia que na materialización deste proxecto participaron máis de medio centenar de persoas con perfís técnicos e creativos e numerosas empresas, profesionais e institucións galegas, que “proban o potencial do talento galego nun sector emerxente e punteiro como son as artes dixitais”, subliñou López Campos.
O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica, entre outras.
Ademais, contouse coa colaboración de destacadas institucións culturais galegas, que cederon fondos tanto para ser exhibidos na mostra, como no caso das lentes e a pluma estilográfica orixinais de Castelao, que foron cedidas polo Museo de Pontevedra para seren amosadas temporalmente na Cidade da Cultura, como para o seu emprego nas recreacións dixitais, como os fondos da Filmoteca de Galicia, do Consello da Cultura Galega, de Afundación, do Arquivo Pacheco, da Fundación Castelao, da Real Academia Galega ou da Fundación Blanco Amor, entre outros prestadores públicos e privados.
Proxección inmersiva con videomapping
Un dos puntos destacados desta exposición é unha instalación inmersiva con seis proxectores e son cadrafónico para recrear a través de videomapping e dentro dun gran cubo de tea e papel o universo vital, político e artístico de Castelao. Neste espazo, as persoas visitantes terán a oportunidade tamén de volver escoitar a voz de Castelao, grazas a un proceso que conxugou citas orixinais da súa autoría, o traballo de locutores profesionais e intelixencia artificial xerativa a partir da única gravación orixinal que se conserva da súa voz: a mensaxe, en castelán, que el mesmo gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.
Cultura inclusiva e accesible
En liña cos obxectivos da Lei de cultura Inclusiva e accesible de Galicia, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Castelao. Mirar por Galicia incorpora tamén un amplo abano de medidas para achegar esta proposta cultural, sen barreiras, a todo tipo de públicos. Entre elas, atopamos, por exemplo, contidos en lingua de signos, o emprego de textos en lectura fácil, bucle magnético ou, proximamente, contidos en audio para persoas con discapacidade visual.
A mostra, encadrada na programación do Goberno galego con motivo da conmemoración este 2025 do Ano Castelao, poderá visitarse na Cidade da Cultura ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde, e contará no vindeiro curso cunha oferta didáctica especificamente destinada aos centros de ensino.