Nova: A Xunta anima as familias a construír estruturas efémeras no Gaiás con materiais de refugallo

25/06/2025

A Xunta anima as familias a construír estruturas efémeras no Gaiás con materiais de refugallo

A actividade ‘Desafío de cartón’ promove a creatividade a través do xogo, a reutilización de elementos e a conciencia ambiental da rapazada

Encadrada na rede internacional ‘Cardboard Challenge’, a iniciativa desenvolverase este sábado, 28 de xuño, coa colaboración de Ikea

Trátase dunha proposta do colectivo Basurama, dedicado á investigación e á creación no eido cultural e ambiental

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convida as familias a participar o vindeiro sábado 28 de xuño no Gaiás en Desafío de cartón, unha actividade lúdica e educativa que fomenta a creatividade a través do xogo con materiais de refugallo. Trátase dunha intervención efémera, coa que a Praza Central da Cidade da Cultura se encherá de elementos reutilizables para que persoas de todas as idades teñan a oportunidade de construír estruturas e xoguetes co único límite da súa imaxinación.

Con Desafío de cartón proponse sensibilizar sobre a reutilización de materiais e o impacto ambiental do cartón como residuo. A partir deste elemento, e con ferramentas como tesoiras, adhesivos ou retallos de tea, as persoas participantes poden construír libremente, experimentar e transformar o espazo mediante o xogo e a intervención colectiva, nunha actividade aberta á creatividade espontánea e á cooperación.

A proposta conta coa colaboración de Ikea e está desenvolvida por Basurama, un colectivo dedicado á investigación e creación no ámbito cultural e ambiental, con especial atención á reutilización de materiais e aos procesos de transformación do espazo público. Desenvolverase ao longo do sábado 28 de xuño, en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 19,00, con entrada libre e de balde, e as estruturas construídas permanecerán no Gaiás tamén durante o domingo.

Desafío de cartón forma parte da rede internacional Cardboard Challenge, que basea a súa metodoloxía na acción colectiva, promovendo a experimentación e a aprendizaxe a través do xogo. O seu enfoque céntrase na participación libre, na exploración da cidade e na promoción de valores como a horizontalidade e a inclusión.

Gaiás en verde

Esta proposta lúdica enmárcase en Gaiás en verde, unha liña de acción da Cidade da Cultura que programa actividades que mesturan arte e creatividade co obxectivo de consolidar a conciencia medioambiental da cidadanía, e especialmente da rapazada. Os espazos naturais do Gaiás—máis de 40 hectáreas verdes que inclúen o Bosque de Galicia, o Parque do Lago e os xardíns Literario e do Teatro— convértense en escenarios e axentes de propostas artísticas e lúdicas non convencionais atravesadas pola ecoloxía.

Ao longo deste verán, o Gaiás está a acoller, por exemplo, un eco-campamento urbano que, ademais de ser espazo de conciliación para as familias, convida a descubrir e a conectar cos espazos naturais do monte Gaiás ao tempo que fomenta valores de sustentabilidade e respecto ambiental.

Tamén na primeira quincena de xullo o Parque do Lago converterase na contorna natural única que acolle unha programación de actividades familiares con música, teatro, xogos e obradoiros artísticos, unha proposta que recolle o espírito participativo e festivo das grandes citas culturais, pero adaptándoo a un formato máis sustentable, accesible e en harmonía coa contorna.

Comparte