Nova: A Xunta inaugura este xoves con ‘Castelao. Mirar por Galicia’ a primeira exposición na comunidade que recupera unha personaxe histórica con intelixencia artificial

24/06/2025
A Xunta inaugura este xoves con ‘Castelao. Mirar por Galicia’ a primeira exposición na comunidade que recupera unha personaxe histórica con intelixencia artificial
Encadrada na programación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do ‘Ano Castelao’, a mostra poderá visitarse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre o 26 de xuño de 2025 e o 11 de xaneiro de 2026
‘Castelao. Mirar por Galicia’ incluirá unha instalación inmersiva con seis proxectores, videomapping e son cadrafónico dentro dun gran cubo de papel
A mostra recrea a voz de Castelao a través da IA, ofrecendo a posibilidade de escoitalo falar galego, por vez primeira desde o seu pasamento en 1950, pois o único rexistro sonoro orixinal que se conserva é unha locución en castelán
A exposición aposta pola accesibilidade e a eliminación de todo tipo de barreiras, e incorporará un amplo abano de recursos como lectura fácil, lingua de signos, bucle magnético ou versión en audio dos contidos textuais
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia inaugura este xoves 26 de xuño na Cidade da Cultura a exposición inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, o primeiro proxecto galego de arte dixital que recupera a figura dunha personaxe histórica emblemática da nosa cultura con intelixencia artificial e cun amplo abano de tecnoloxías dixitais que inclúen hologramas, videomapping ou realidade virtual.
Trátase dun proxecto realizado en colaboración coa Fundación Castelao e encadrado na programación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo da conmemoración deste 2025 como Ano Castelao, que propón unha visión anovadora da vida e universo artístico de Castelao, recreando a súa imaxe e a súa voz, de xeito hiperrealista, e partindo dunha ampla base de documentación histórica e arquivos visuais conservados en diferentes institucións.
Oportunidade de volver escoitar a Castelao
Un dos puntos destacados desta exposición é unha instalación inmersiva con videomapping e son cadrafónico dentro dun gran cubo de papel. Neste espazo, as persoas visitantes terán ademais a oportunidade de volver escoitar a voz de Castelao, grazas a un traballo de recreación da mesma con tecnoloxía de intelixencia artificial xerativa a partir do único rexistro sonoro conservado: a mensaxe, en castelán, que el mesmo gravou en fonopostal na Central de Correos de Bos Aires, co gallo da estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo en 1941.
O arquivo, conservado polo Consello da Cultura Galega, someteuse a un depurado do son para, a continuación, adestrar unha intelixencia artificial para reproducir con fidelidade o timbre, entoación e textura da voz, combinándoo co traballo de locutores profesionais a partir de textos de publicacións como Cousas, Sempre en Galiza, Alba de Gloria ou o Diario 1921. A exposición ofrecerá así unha recreación o máis fidedigna posible da súa voz orixinal, supoñendo a primeira vez que poderemos oír a Castelao falar galego desde o seu pasamento en 1950.
Cultura inclusiva e accesible
No marco da Lei de cultura Inclusiva e accesible de Galicia, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a exposición incorpora un amplo abano de medidas para achegar esta proposta cultural a todo tipo de públicos, reducindo as barreiras de acceso. Así, os textos de sala contarán cunha versión en lectura fácil, un método de redacción de contidos adaptados ás necesidades de persoas con dificultades de comprensión lectora, realizada co apoio da Federación Autismo Galicia.
Ademais, a videoproxección inmersiva da exposición contará tamén cunha versión en lingua de signos no propio espazo expositivo, facéndoa máis accesible ás persoas xordas ou con discapacidade auditiva, e os textos de sala disporán dunha versión en liña con lingua de signos, subtitulado accesible, e contido en audio narrado para facilitar o acceso das persoas con discapacidade visual.
Adicionalmente, o Museo Centro Gaiás disporá de bucle magnético portátil tanto para a atención ao público como na súa oferta de visitas guiadas, facilitando deste xeito o acceso ás persoas que empreguen implantes cocleares ou audífonos. Esta tecnoloxía permite recoller o audio da conversa e transmitilo directamente aos dispositivos sen interferencias do ruído ambiente, mellorando a experiencia das persoas con discapacidade auditiva.
A mostra Castelao. Mirar por Galicia poderá visitarse na Cidade da Cultura desde a tarde do 26 de xuño ata o 11 de xaneiro de 2026, con acceso libre e de balde, e contará no vindeiro curso cunha oferta didáctica destinada aos centros de ensino.