Nova: Xunta, Parlamento, Concello e Arquidiocese constitúen o Padroado da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

23/06/2025

Xunta, Parlamento, Concello e Arquidiocese constitúen o Padroado da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Este supón un novo paso para o funcionamento da entidade pública, presidida polo titular da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices 

A configuración dos membros do padroado chega despois do acto de sinatura do pasado 12 de abril e tras a declaración de interese galego a semana pasada

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destaca o avance “para que este sexa un instrumento eficaz polo ben da nosa cultura”

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

As catro partes implicadas na constitución da Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, a Xunta,  o Parlamento, o Concello de Santiago e a Arquidiocese compostelá, reuníronse hoxe por primeira vez, tras o acto de sinatura do pasado 12 de abril, para dar o seguinte paso e definir a estrutura do padroado da entidade, que queda presidida por Miguel Ángel Santalices, titular da presidencia da Cámara galega.

Así, segundo se acordou na xuntanza, a Fundación contará tres vicepresidencias que representan a cada unha das institucións implicadas: o Concello de Santiago, a Xunta de Galicia e a Arquidiocese compostelá. 

Na reunión, mantida no Pazo do Hórreo, participou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que volveu facer fincapé “na colaboración e cooperación institucional polo ben da nosa cultura”, ademais de destacar este novo paso como un avance “para que esta fundación sexa un instrumento eficaz na responsabilidade de velar por un espazo con tanta carga simbólica”, recordando que nel hónrase a figuras como Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán e Rodríguez Castelao.

Cómpre lembrar, neste senso, que a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres,  declarada de interese galego tal e como se publicou a pasada semana no Diario Oficial de Galicia, é unha entidade pública adscrita ao Parlamento de Galicia que xorde ao abeiro da lei aprobada por unanimidade en xullo de 2023 para dotar de seguridade xurídica ao espazo de San Domingos de Bonaval, e da que foron partícipes diferentes entidades representativas da sociedade civil da Comunidade.

Comparte