Nova: A Xunta patrocina coa marca FEST Galicia os festivais Rompetiño, 17º Ribeira Sacra, Sinsal e SonRías Baixas

23/06/2025
A Xunta patrocina coa marca FEST Galicia os festivais Rompetiño, 17º Ribeira Sacra, Sinsal e SonRías Baixas
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asina os correspondentes contratos cos responsables deste eventos por un importe conxunto de 270.000 euros
A promoción da nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade e o impulso da presenza de artistas galegos consolídanse como prioridades deste selo
Insírese na política de apoio do Goberno galego a eventos de música estratéxicos para o sector xunto a outras iniciativas como os Concertos do Xacobeo.gal ou as subvencións para a contratación de grupos e artistas de Galicia nos festivais
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025
A Xunta acaba de resolver a adxudicación de 270.000 euros para o patrocinio dos festivais Rompetiño, Sinsal, 17º Ribeira Sacra e SonRías Baixas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asinou esta mañá os correspondentes contratos cos responsables destes eventos, que renovan así a súa adhesión á marca da Xunta FEST Galicia para promover a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade.
A través deste selo, búscase contribuír a crear valor engadido en festivais con características singulares e distintivas, amosando ao tempo a diversidade e a pluralidade do talento musical galego e favorecendo a descentralización da oferta cultural. As catro citas FEST Galicia deste ano, incluídas na campaña Para Gustos, Cultura desenvolveranse ou iniciaranse no vindeiro mes de xullo, comezando polo Rompetiño Jump en Porto do Son, entre os días 4 e 6 ; 17º Festival Ribeira Sacra, en varios concellos lucenses desa zona do 18 ao 20; Sinsal SON Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela), do 25 ao 27, e o SonRías Baixas en Bueu, do 31 de xullo ao 3 de agosto.
Outra das prioridades da marca xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é impulsar unha maior presenza da música galega nos eventos destas características, establecendo entre os requisitos de adhesión a contratación dun mínimo de catro bandas ou solistas de Galicia en cada un dos festivais.
Neste sentido, FEST Galicia entronca nos seus obxectivos cos da liña autonómica de subvencións a través da que se resolveu a concesión de preto de 50.000 euros para a contratación artística galega por parte doutros cinco eventos: Ateneo Barroco de Santiago de Compostela, Beatout Fest da Coruña, Encordass Fiddle Fest na illa de San Simón de Redondela, Murallón de Son en Silleda e The Wild Fest de Vigo.
Ambas vías de apoio insírense na política de apoio do Goberno galego a eventos de música estratéxicos para o sector xunto a outras destacadas iniciativas como os Concertos do Xacobeo.gal.
Investimento de ata 80.000 euros
Os encontros FEST Galicia contan con patrocinios de entre 30.000 e 80.000 euros en función do número de edicións celebradas e do tempo de adhesión á marca. Así, o Rompetiño Jump celébrase por terceiro ano consecutivo baixo este selo, a través do que recibe 30.000 euros para o seu apartado musical dentro dunha variada programación centrada na cultura e os deportes urbanos. Nel, figuras da escena galega como Arce, Kike Varela ou Dirty Suc comparten escenario con artistas de referencia do panorama estatal como Disobey, Soto Asa, Raúl Clyde ou Métrika.
As outras tres citas dispoñen de 80.000 euros cada unha como apoio á súa singularidade no mapa galego de festivais. Así, o 17º Ribeira Sacra converte a súa contorna nunha protagonista máis para conectar público, música, gastronomía, patrimonio e territorio, como tamén a illa de San Simón o é no caso do Sinsal, cun cartel sorpresa que é sempre sinónimo de calidade e diversidade, ademais da súa aposta por minimizar o impacto medioambiental. A conexión co mar nun enclave privilexiado das Rías Baixas é tamén unha das sinais de identidade do SonRías, cuxa variada oferta vai desde o rap, rock ou pop ata a música de raíz.