Nova: A Xunta despide o ‘Serán'04’ cun certame de coros enxebres e un man a man sobre o escenario de oito agrupacións de baile e música tradicional de Galicia

22/06/2025

A Xunta despide o ‘Serán'04’ cun certame de coros enxebres e un man a man sobre o escenario de oito agrupacións de baile e música tradicional de Galicia

O IV Encontro Galego de Cultura Popular pecha hoxe no Gaiás tres días de actividades coa participación de un milleiro de intérpretes e ata 40 agrupacións e escolas de música e baile das catro provincias galegas

O director xeral de Cultura destaca o Serán como “lugar de encontro para todas as persoas que gozan coa nosa música: tanto de quen garda na súa memoria a raíz da nosa tradición, como de toda a rapazada que é o futuro deste sector”

Milleiros de persoas gozaron no Gaiás dun amplo programa ao redor da cultura popular, que incluíu actuacións musicais, masterclasses, unha exposición de traxe tradicional e un recinto feiral con luthiers, profesionais do tecido ou a ourivería

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia despide hoxe na Cidade da Cultura a cuarta edición do Encontro Galego de Cultura Popular, Serán’04 con dúas destacadas actuacións que poñen o ramo a tres intensos días de actividades ao redor da nosa música e baile tradicional. Por unha banda, un concerto de Coros Enxebres, coa participación do Coro tradicional Xacarandaina (A Coruña), Cantares do Brión (Gondomar), a centenaria Coral de Ruada (Ourense) e as Pandeireteiras de XOC, que reúne a intérpretes de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos.

Por último, e como colofón final do evento, a praza central do Gaiás reúne sobre o escenario nun man a man de música e baile a oito destacadas agrupacións de toda Galicia: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxainas (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña), e Saíñas (Xove).

Durante a súa asistencia ao evento esta mañá no Museo Centro Gaiás, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, agradeceu a todas as agrupacións e intérpretes que fixeron posible que este Serán continúe a consolidarse como lugar para o encontro de “toda a riqueza etnográfica e folclórica de Galicia”. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude emprazou así ao público a “volvernos ver en vindeiras edicións deste encontro”, que se propón congregar, desde que botou a andar en 2018, a “todas as persoas que gozan coa nosa música: tanto de quen garda na súa memoria a raíz da nosa tradición, como de toda a rapazada que é o futuro deste sector”, remarcou.

Milleiros de asistentes

Ao longo dos tres días deste Encontro Galego de Cultura Popular, na Cidade da Cultura congregáronse milleiros de asistentes para participar nas diferentes actividades programadas, que abrangueron desde unha feira sectorial, un obradoiro de estampaxe e serigrafía sobre tea especialmente pensado para desenvolver en familia, ou foliadiñas coa actuación de nenos e nenas integrantes de 12 agrupacións e escolas de música e baile. Non faltaron tampouco formacións especializadas en canto, baile ou música, nin o gran foliadón da noite do sábado, con cinco horas de música e centos de intérpretes sobre o escenario.

Todo o Serán’04 desenvolveuse con entrada de balde e pensado para amosar toda a creatividade da música e o baile tradicional de Galicia a todo tipo de público, sexa ou non parte activa do sector.

Comparte