Nova: A mostra de teatro galego de Cariño prepara a súa 47ª edición co apoio da Xunta

20/06/2025
A mostra de teatro galego de Cariño prepara a súa 47ª edición co apoio da Xunta
Cariño (A Coruña), 20 de xuño de 2025
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do cartel e do primeiro avance da programación da 47ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, unha das máis antigas do seu ámbito en Galicia, que terá lugar do 3 ao 9 de agosto co apoio da Xunta.
Recoñecidas compañías da escena galega como Grupo Chévere, Gazafelhos, Malasombra Producións, Teatro del Andamio ou Fran Sieira Compañía de Danza, así como Culturactiva co espectáculo inclusivo Nada se sabe, realizado en colaboración co Centro Dramático Galego, participarán nesta nova edición do evento, que Sutil cualificou como un dos “principais focos de difusión do noso teatro máis xenuíno”. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén contribuíndo economicamente coa súa organización a través da súa convocatoria anual de subvencións para festivais considerados estratéxicos para a difusión das nosas artes escénicas.