Nova: A Xunta colaborará con 29 entidades na mellora da descrición dos fondos documentais dos arquivos

20/06/2025
A Xunta colaborará con 29 entidades na mellora da descrición dos fondos documentais dos arquivos
- O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dotadas con 185.000 euros
- Os adxudicatarios recibirán ata 7.000€ para garantir a custodia responsable e o acceso dos cidadáns aos documentos
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2025.- O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar a resolución de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para mellorar a descrición dos fondos documentais dos arquivos. Trátase dunha liña de subvencións a través da cal a Xunta de Galicia colaborará con 23 entidades locais e 6 privadas sen fin de lucro galegas que contan cun local estable destinado a arquivo e custodian fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
A través desta orde, a Xunta destina 185.000 euros á mellora dos arquivos de Galicia, garantindo unha custodia responsable dos fondos, así como acceso por parte dos cidadáns aos documentos. Así mesmo, con esta subvención apoiarase tamén a realización de actividades que teñan por obxecto a descrición de series documentais segundo a metodoloxía arquivista.
A liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dará ás entidades beneficiarias unha achega máxima de 7.000 euros por proxecto, que en ningún caso poderán exceder o 80% do investimento total aprobado. A través desta sufragarase a descrición de fondos documentais de arquivos seguindo os criterios de obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade e non discriminación, así como a eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados polo Goberno galego, e a eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
As 23 entidades locais beneficiarias son, na provincia da Coruña, os concellos de Fisterra, Irixoa, Val do Dubra, Mesía, As Somozas, Negreira, As Pontes de García Rodríguez, Muxía e Ordes; en Lugo, Quiroga, Viveiro, Chantada e Castroverde; en Ourense, O Irixo, Bande, Vilar de Barrio, Calvos de Randín e Ourense; e na de Pontevedra Caldas de Reis, Rodeiro, Cambados, Ribadumia e Pontecesures.
No eido privado e sen fin de lucro as adxudicatarias son a Diocese de Lugo, a Fundación Isla Couto, a Asociación Cultural Fundación Penzol, a Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e Actividades Marítimas Exponav, a Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar e a Fundación 10 de marzo.
A través deste tipo de axudas, o Goberno galego continua co seu compromiso de protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio documental e arquivos. Deste xeito, búscase garantir o acceso á cultura para todas as persoas eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais, tal e como se establece na Lei de cultura inclusiva de Galicia, un texto pioneiro en Europa.