Nova: López Campos convida a visitar a mostra que “pon en valor todo o universo creativo” de Díaz Pardo

19/06/2025
López Campos convida a visitar a mostra que “pon en valor todo o universo creativo” de Díaz Pardo
A exposición ‘A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo’ afonda na obra do polifacético artista, desde a etapa artística ata a de deseñador industrial
Destaca a “colaboración entre institucións e entidades” para reunir máis de 150 pezas que abranguen óleos, debuxos, cerámicas e mobiliario
Ademais, lembra o compromiso do Goberno galego “coa divulgación do legado dos persoeiros destacados da nosa cultura a través de propostas calidade”
A Coruña, 19 de xuño de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Museo de Belas Artes da Coruña a mostra A barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, unha exposición “coa que desde a Xunta tamén rendemos homenaxe a un creador clave para a nosa cultura nos séculos XX e XXI, sumándonos así ao recoñecemento que se lle fai este ano dedicándolle o Día das Artes Galegas”, destacou.
Así, o representante do Goberno galego engadiu que esta mostra “pon en valor as distintas vertentes dun artista polifacético, ofrecendo unha achega á súa figura desde distintas perspectivas e nun mesmo espazo, apostando porque as novas xeracións afonden no seu coñecemento”. Así, tal e como lembrou, o percorrido abrangue toda a traxectoria de Díaz Pardo a “través das súas distintas facetas, desde a etapa pictórica á de deseñador industrial, pasando pola transición plástica”.
Ademais, López Campos puntualizou que esta “supón unha grande oportunidade para crear unha composición en conxunto de todo o seu universo creativo”, destacando así o compromiso do Goberno galego “coa divulgación do legado das figuras máis destacadas da nosa cultura, as que deixaron pegada na nosa arte, na nosa identidade e na nosa historia”.
Colaboración institucional
Durante a inauguración, o responsable de Cultura do Goberno galego quixo destacar tamén “a importancia da colaboración entre as distintas institucións para sacar adiante proxectos como este do Museo de Belas Artes que nos fan medrar a nivel cultural con propostas de calidade“. Deste xeito, explicou, ademais da colección particular da familia “a quen tamén agradezo a súa total implicación”, a exposición tamén se compón das aportacións dos prestadores privados e institucionais como o Concello da Coruña, o Museo de Pontevedra, a Colección de Arte Abanca, a Fundación Luís Seoane, a Fundación María José Jove e Real Academia Galega. Ademais, inclúe obras que forman parte da colección permanente do Museo de Belas Artes como Xentes que ollan, un óleo de 1963, un Nu dos anos corenta, ou o Discurso (c. 1947-1948)”.
López Campos tamén lembrou que esta é unha das propostas culturais da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que se presentou hoxe mesmo “e na que figuran de aquí a setembro un total de 43 exposicións nos nosos museos, arquivos e bibliotecas, xunto con outra multitude de actividades propias e en colaboración con outras administracións”.
Desde a pintura ao deseño
A exposición, comisariada polo fillo de Díaz Pardo, Xosé Díaz Arias, en colaboración co equipo técnico do museo coruñés, reúne preto de 150 pezas, principalmente do autor homenaxeado, ás que se lle unen outras de artistas como o seu pai Camilo Díaz Baliño ou de Luís Seoane, Torrallardona, Torres Agüero, Laxeiro ou Geno Díaz. Entre elas atópanse pinturas ao óleo, debuxos e obra gráfica, xunto cunha variada selección de cerámicas e de mobiliario deseñado polo artista.
O título da mostra, que poderá visitarse no Museo de Belas Artes ata o 14 de decembro, xorde das dúas grandes obras que Isaac realizou en distintas épocas sobre o relato mitolóxico da nave do barqueiro do inframundo. O tema, que insinúa a viaxe do pobo galego cara ao seu destino, evoca aquí o propio percorrido creativo do artista. Así, a exposición artéllase en cinco seccións coas que se pretende amosar esa traxectoria, desde os seus inicios pictóricos e a transición da pintura á cerámica, pasando polos seus grandes proxectos como Cerámicas do Castro, o seu labor no Laboratorio de Formas xunto con Luís Seoane ou o seu papel nos deseños de Sargadelos.
A proposta complétase con actividades paralelas para difundir máis en profundidade o legado de Isaac Díaz Pardo como un ciclo temático de conferencias, un curso a cargo do profesor e crítico Alberto Cartón e visitas guiadas para centros escolares, asociacións culturais e público en xeral.