Nova: A Xunta colabora coa Fundación SGAE para celebrar o día europeo da música cunha nova edición do festival acento

19/06/2025

A Xunta colabora coa Fundación SGAE para celebrar o día europeo da música cunha nova edición do festival acento

Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro conforman a escolma desta sexta edición da iniciativa, que pon o foco na actual escena musical galega e en galego

Os concertos, de entrada libre, darán comezo ás 20,30 horas

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Fundación SGAE para conmemorar o Día Europeo da Musica cunha nova edición do fesival Acento, co foco posto na música galega e en galego. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu esta mañá no anuncio desta sexta entrega da iniciativa, que este sábado 21 ofrece en Santiago de Compostela os concertos de Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen participou nesta presentación xunto ao presidente do Consello Territorial SGAE, Teo Cardalda, e ao director da SGAE Noroeste, Miguel Diéguez, subliñou a aposta deste programa polo galego como lingua de expresión artística, ademais da calidade da escolma deste ano como representacións das diferentes sonoridades urbanas da nosa actual escena musical.

O festival, de entrada libre, desenvolverase a partir das 20,30 horas no adro da sede da SGAE no parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela. O primeiro en ocupar o escenario será o rimador de Muros 9Louro, talento emerxente que segue a pegada doutros coñecidos grupos muradáns, como The Rapants ou Capital Voskov. Este mesmo ano lanzou o seu primeiro traballo discográfico, Nove noves, cunha variada mestura de funk, bachata, reguetón, trap e pop.

A continuación, será a quenda da viguesa de ascendencia brasileira Lua de Santana, artista de gran proxección que ten asinado colaboracións con Nathy Peluso, $kyhook ou Nusar3000, entre outros. A súa música fusiona soul, funk carioca, electrónica e pop, creando un son íntimo, pero tamén moi bailable.

O dúo compostelán Boyanka Kostova pechará o festival Acento 2025 coa súa proposta retranqueira, na que o urbano e os sons máis contemporáneos conviven co tradicional. Pioneiro do trap galego, o grupo vén evolucionando cara a un código máis rave e electrónico nos seus últimos traballos.

Comparte