Nova: A Xunta pon en valor a escaleira exhumada no cubo XVIII da Muralla de Lugo, que deixará á vista protexida cunha varanda

19/06/2025

A Xunta pon en valor a escaleira exhumada no cubo XVIII da Muralla de Lugo, que deixará á vista protexida cunha varanda

O delegado territorial, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha dos traballos de restauración, conservación e investigación na zona, que están na súa fase final

Lugo, 19 de xuño de 2025

A Xunta de Galicia está rematando os traballos de restauración, conservación e investigación arqueolóxica no cubo XVIII da Muralla de Lugo, que culminarán coa posta en valor da escaleira exhumada. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, confirmou hoxe que quedará descuberta e protexida cunha varanda de barrote metálico, semellante á contigua do cubo XIX.

Esta escaleira presenta características singulares, como o emprego maioritario do granito na súa construción -complementado con lousa-, unha bocana máis reducida e con liñas diverxentes tanto na propia entrada como nos ramais, e chanzos con diferentes modulacións no longo, ancho e alto. 

O delegado comprobou a marcha das actuacións realizadas no tramo -situado na Ronda á altura da Subdelegación de Defensa-, que incluíron a escavación do pavimento ata a cota orixinal romana e a realización de sondaxes exteriores co obxectivo de estudar a cimentación neste punto da Muralla. Ao igual que o cubo XIX, presentaba unha columna estratigráfica alterada, principalmente desde o século XVIII (anos 1731-1736) a causa dos “foros” que concedía o Concello, polos que alugaba o espazo libre entre as torres e permitía construír edificacións como vivendas ou negocios.

A intervención completarase con datacións cronolóxicas con Carbono 14, a análise de morteiros de cal por luminescencia ou a fixación de morteiros por parte do equipo de restauradores, entre outros labores.

Comparte