Nova: O Rompetiño converte Porto do Son no epicentro da música e os deportes urbanos co apoio da Xunta

18/06/2025
O Rompetiño converte Porto do Son no epicentro da música e os deportes urbanos co apoio da Xunta
Repite por terceiro ano consecutivo como cita patrocinada baixo a marca FEST Galicia, coa que o Goberno galego promove a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade e sustentabilidade
Conta tamén coa colaboración da Secretaria Xeral para o Deporte no apartado de competición e exhibición de skate, bmx e basket 3x3, entre outras disciplinas
Porto do Son (A Coruña), 18 de xuño de 2025
Porto do Son volverá convertese no epicentro da cultura e os deportes urbanos durante a celebración do Rompetiño, que conta coa colaboración económica da Xunta de Galicia para a novena edición, que desenvolverá do 4 ao 6 de xullo. Por terceiro ano consecutivo, o festival é unha das citas patrocinadas pola marca FEST Galicia, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para promover a nosa Comunidade como destino musical de calidade, ademais de recibir o apoio da Secretaría Xeral para o Deporte.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; os directores do Rompetiño e os representantes do resto de administracións e entidades colaboradoras na presentación da programación deste ano que, no seu apartado musical, reúne artistas de referencia do panorama estatal como Disobey, Soto Asa, Raúl Clyde ou Métrika, xunto a figuras da escena galega como Arce, Kike Varela ou Dirty Suc.
O Centro de Interpretación do Castro de Baroña acolleu este acto, no transcurso do que Sutil felicitou a organización por este cartel, que confirma o festival como unha das citas imprescindibles do verán galego, así como referente da promoción da cultura urbana entre todos os públicos.
O representante da Xunta puxo tamén o foco na combinación da música co deporte, a gastronomía e unha serie de actividades lúdicas para toda a familia que entronca cos valores que promove a marca FEST Galicia á hora de crear valor engadido en festivais con características singulares e diferenciadoras, amosando ao tempo a diversidade e a pluralidade da nosa música e favorecendo a descentralización da oferta cultural.
Ademais das actuacións do venres e sábado nos escenarios da Music Zone, o Rompetiño depregará unha intensa actividade deportiva e de cultura urbana con competicións e exhibicións de skate, basquet 3x3, bmx, breakdance, graffiti, skimboard ou parkour. Ao tempo, mantén o seu compromiso co talento local, cos concertos gratuítos de formacións emerxentes como Leite con Jalletas, Capitán Sabrosura ou Paco de Leña.